Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Ourense C. F. derrota a Real Sociedade B (1-0) cun gol de Zalaya que achega a salvación

O Ourense C. F. derrota a Real Sociedade B (1-0) cun gol de Zalaya que achega a salvación

O equipo das Burgas aproveitou a súa ocasión, e pechou a porta de Marqueta diante dun rival que ocupa posto de promoción

Foto: @Ourense_CF
G24.gal 23/03/2025 14:06

O Ourense C. F. segue sumando. Contra a Real Sociedade B sumou a segunda vitoria consecutiva, e cuarta nas últimas cinco xornadas. E foi cun gol de Zalaya á saída dun córner nada máis iniciarse a segunda metade.

O Ourense C. F. comezou coa posesión, pero non foi quen de crear ocasións claras. O primeiro achegamento ía correr a cargo de Lebarbier, cun disparo afastado que rexeitaba Marqueta con apuros. Os galegos foron inclinando o campo cara á portería donostiarra, e fóronse achegando polas bandas, sobre todo pola esquerda con Hugo Sanz, pero os seus centros non atopaban rematador. O primeiro entre paus protagonizouno Carbonell, que rematou de primeiras un envío de Jairo, ás mans de Fraga. Era o minuto 26. Aínda tivo outra ocasión clara o Ourense C. F., cunha cabezada de Carnoba á saída dun córner que marchou fóra por ben pouco.

Os últimos minutos foron do filial da Real, que tivo dúas ocasións clarísimas. A primeira, cun envío desde a dereita que Astiazarán remataba fóra con todo a favor. E, xusto despois, Ramírez remataba moi cruzado logo dun saque de banda. O partido ía ao descanso co medo no corpo dos ourensáns.

E o conxunto de Pablo López atopou a mellor menciña, o gol, tras o descanso. Zalaya enviaba a rede un córner botado desde a dereita de Alberto Gil cando acababa de comezar o segundo tempo. Coa vantaxe no marcador, o conxunto local cedeu algo a posesión ao seu rival, que non chegaba a inquietar, e seguiu buscando matar o partido polas bandas. Aínda tivo unha boa acción nas botas de Fullana, que rematou fóra asistido por Alberto Gil. Por parte do Sanse, un lanzamento desde o bordo da área de Gorka Carrera sacouno abaixo Marcheta.

No treito final, o filial seguiu buscando a igualada, pero o porteiro pechou o seu marco, asegurando unha vitoria fundamental, que achega a salvación de xeito palpable. O Ourense C. F. suma arestora 39 puntos, máis preto dos postos de privilexio ca dos de descenso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade