O Ourense C. F. asalta o Anxo Carro (0-2) e achégase aos postos de promoción
Un gol de Jairo aos 12 segundos condicionou o choque
Josema Raigal sentenciou na segunda parte un choque que deixa aos das Burgas tres puntos por diante
O Ourense C. F. deu un gran paso cara á salvación, cun triunfo no Anxo Carro que o deixa tres puntos por diante dos lugueses e que, ademais, colócao arestora a dous puntos da promoción de ascenso.
O conxunto ourensán pegou primeiro, e de que xeito: Jairo enviaba o balón á rede cun disparo desde a frontal aos doce segundos de comezar o partido. Prevíase un derbi igualado entre dous equipos que comezaban cos mesmos puntos, e tocáballe buscar a remonta aos lugueses, que se puxeron mans á obra.
Un acrobático remate parado por Marqueta e un envío de Guille Perero que se estrelou no pau foron os primeiros avisos, cando non se cumpriran os dez minutos de encontro.
Aos poucos foi freando o ímpeto dos de Seligrat, aínda que seguían achegándose máis á área. O único remate enviouno de lonxe Roger Martínez, parando Marqueta abaixo. Na portería de Cacharrón tampouco había moita actividade, máis aló dalgún envío lateral que resolveu sen problemas.
Así, o Lugo volveu avisar aos 39 minutos. Centrou desde a dereita Perero, e rematou Jerry Afriyie con claridade. Non puido precisar o remate e Cacharrón desbaratou a ocasión.
A segunda metade comezou coa mesma dinámica, co Lugo intentando crear perigo sen éxito, e co Ourense C. F. disposto a matar o partido nalgunha contra. Josema Raigal deu o primeiro susto, pero o seu remate no segundo pau marchou moi arriba. Non errou dúas veces. No minuto 71, o cadro das Burgas roubaba un balón, e elaboraba unha impresionante xogada colectiva, con ata 11 pases para que lle chegase o balón a Josema, que marcou diante de Cacharrón.
Co 0-2 a tarefa complicábase en exceso para o Lugo, pero os de Seligrat seguírono intentando. Pediron un penalti nunha agarrada de Raúl Prada a Lizancos, pero o árbitro non sinalou nada. O partido rematou así, deixando ao Lugo preto do descenso, e ao Ourense a so dous puntos da promoción de ascenso á Segunda División.