O Barcelona gaña a Liga ACB pola vía rápida
O Barcelona gaña a Liga ACB pola vía rápida
Impúxose no terceiro partido da serie ao Real Madrid por 82-93
Recupera o título perdido a temporada pasada a mans do equipo branco
O F. C. Barcelona é o novo campión da Liga ACB de baloncesto. Gañou pola vía rápida a serie ante o seu gran rival, o Real Madrid. Traía do Palau dúas vitorias e non deixou escapar a posibilidade de sentenciar no terceiro partido (82-93).
O partido estivo moi igualado na primeira metade. O primeiro cuarto rematou cun 21-20. No segundo, o Barça púxose sete arriba (22-29) pero o Real Madrid conseguiu remontar e ir ao descanso por diante (41-38).
No terceiro volveu principiar mellor o Barcelona (47-52), pero os brancos non querían dicirlle adeus á posibilidade de gañar a Liga (64-61). Quedaba todo pendente do último cuarto logo dun 66-67.
Aí foi onde os de Jasikevicius sentenciaron. Grazas a un descomunal Vesely (nove puntos no último cuarto) colleron unha vantaxe de 7-8 puntos que xa non soltarían ata o final. O Barcelona recupera o título perdido a temporada pasada e gaña unha final da ACB por 3-0 contra o Real Madrid por segunda vez na historia.