Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Baxi Ferrol acada outra nova fazaña na pista do Perfumerías Avenida

O Baxi Ferrol acada outra nova fazaña na pista do Perfumerías Avenida

Comezou perdendo por 20-4 e acabou remontando para gañar por 70-79

Vitoria do Celta que o saca do descenso no que entra o Ensino despois da súa derrota

G24.gal 26/01/2025 11:52 Última actualización 26/01/2025 15:39

O Baxi Ferrol continúa dando sorpresas nesta temporada. Na competición europea xa está nos cuartos de final cun camiñar impoluto e na LF Endesa conseguiu impoñerse na pista do Perfumerías Avenida, un dos equipos que comandaba a clasificación. 

E iso que comezou perdendo o partido por 20-4. Semellaba un encontro doado para o conxunto salmantino pero no segundo cuarto reaccionou o Baxi que chegou a poñerse a cinco puntos (38-33). Ao descanso o resultado era de 42-33. 

No terceiro cuarto mantívose a dinámica de acertos do Baxi cunha Ángela Mataix imparable ben secundada por Joiner e Pospisilova. Conseguiron a primeira vantaxe de todo o partido cun 47-49 e aguantaron a reacción dun dos mellores equipos de Europa. No derradeiro cuarto a diferenza foise ata os nove puntos a prol dun Baxi que conseguiu levar o triunfo e opositar para os play offs polo título desta campaña. 

Gran vitoria do Celta Femxa Zorka

O Celta Femxa Zorka impúxose en Navia ao Movistar Estudiantes (80-71), un resultado que lle permite saír dos postos de descenso. O partido encamiñouno o equipo galego no primeiro cuarto (23-11) e sentenciou no terceiro. A francesa Samson volveu a ser a máxima anotadora (24 puntos) seguida por Dornstauder, fichaxe da última semana. 

O Durán Maquinaria Ensino estivo a piques de lograr unha vitoria fundamental para colocarse con seis vitorias e continuar coa pelexa pola permanencia. Foi gañando durante moitos minutos na pista do Jairis (33-38 ao descanso) pero acabou perdendo por 75-73 diante do equipo da galega Paula Ginzo. O Ensino tivo dous lanzamentos para gañar o encontro pero Howard non acertou co aro. As xogadoras Claudia Soriano e Jessica Fequiere (18 puntos) destacaron en termos anotadores. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade