O Baxi Ferrol pon en Xirona punto e final a unha campaña histórica
O equipo de Lino López perdeu a eliminatoria dos cuartos de final da Liga Feminina contra un dos favoritos para gañar o título
Remata a tempada en que chegaron á final da Eurocup Women e na que volveron meterse nos play off do torneo ligueiro
Rematou en Xirona unha temporada para a historia do Baxi Ferrol. Perdeu a eliminatoria de cuartos de final da Liga Feminina logo de caer nos dous encontros. O Xirona gañara na Malata por once puntos de diferenza e volveu impoñerse na volta cun marcador de 72-62. Para sempre será lembrado este equipo da 24-25 por chegaren á final da Eurocup Women.
Malia a derrota o Baxi soñou coa posibilidade de remonta porque ao descanso gañaba por tres puntos (30-33). Pero cunha rotación moi minguada e as forzas xustas o segundo tempo fíxoselle moi longo ao equipo ferrolán. O Xirona comezou o segundo tempo cun parcial de 7-0 e xa non deixaría o mando do partido. Unha tripla de Blanca Millán puxo o 44-44. Foi a última igualdade do Baxi que entrou perdendo 50-44 no último cuarto.
Aí sentenciou o Xirona que conseguiu marchar por riba dos dez puntos (61-48) e viviu o treito final do partido con moita tranquilidade.