O Baxi Ferrol roza a perfección e trae unha gran vantaxe de Italia (76-95)
O sensacional último cuarto do equipo ferrolán fai que teña un pé nas semifinais da Eurocup Women
O Baxi Ferrol xogou o mellor partido da temporada -e un dos mellores da súa historia- e gañou na pista do Dinamo Sassari italiano na ida dos cuartos de final da Eurocup Women (76-95). Na súa primeira participación europea está a piques de meterse nunha semifinal. Decidirase o vindeiro xoves no Pavillón da Malata (20:00 horas) coa G2 e Agalega.gal en directo.
O partido comezou moi igualado. No Baxi destacaba Pospisilova que deixaba o primeiro cuarto nun 16-14. A dinámica mantívose no segundo parcial no que a meirande diferenza foron os catro puntos de vantaxe cos que chegou o conxunto italiano ao descanso (38-34).
O Sassari tivo un grande acerto no lanzamento de tres grazas aos que se mantivo no partido durante tres cuartos. O Baxi tomou a iniciativa no terceiro cunha Ángela Mataix moi inspirada (13 puntos nese parcial) que acabou con empate a 57. Ninguén agardaba o que ía acontecer no derradeiro cuarto. Noa Morro anotou seis puntos seguidos para poñer o 62-65. O Sassari non atopou o xeito de frear a interior ferrolá que esnaquizou a defensa rival e permitiu que as súas compañeiras atopasen tiros cómodos. A vantaxe foise ata os dez puntos (72-82) e chegou a ser de 22 (73-95). Os dezanove finais danlle unha renda moi importante para afrontar o encontro de volta.