O belén de Begonte recibe cada ano preto de 50.000 visitantes
O belén de Begonte recibe cada ano preto de 50.000 visitantes
Ten 53 anos de historia e está inspirado nunha aldea rural da Terra Chá
Conta con figuras en movemento que representan oficios tradicionais
O belén de Begónte convértese ano tras ano nunha das citas obrigadas do Nadal en Galicia. Un espazo único no que a tradición e a artesanía se combinan con mecanismos electrónicos para crear as súas famosas figuras con movemento. Ten máis de medio século de historia e está declarado de Interese Turístico Galego. Ocupa unha superficie duns 80 metros cadrados e está composto por máis dun cento de figuras das cales a metade teñen movemento.
Destaca por recrear escenas tradicionais da vida rural galega con oficios tradicionais dos que xa non quedan. Non falta a malla nin a matanza e hai dende vacas ata cegoñas para recrear a Terra Chá.
"A xente maior é a que máis lle gusta porque oficios que saen aquí xa non se ven e veñen cos netos e vanlles explicando o que había e como funcionaba. Hai ferreiros, muiñeiros, pescadores... de todo", explica Ramiro Cruz, un dos encargados do belén de Begonte.
Gusta a grandes e pequenos, quen o visita queda sorprendido e recomenda a experiencia. Pode visitarse ata o 1 de febreiro e cada ano pasan por aquí preto de 50.000 persoas.