O Clúster TIC aplaude o apoio da Xunta á Coruña como candidata á sede estatal da IA
O presidente do cluster galego de novas tecnoloxías cre que A Coruña ten posibilidades de ser escollida como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial
O presidente do Clúster Galego de Novas Tecnoloxías, Antonio Rodríguez del Corral, cre que A Coruña ten posibilidades de ser escollida como sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial. A Xunta decidiu apoiar a candidatura da cidade herculina tras
comparala coas outras aspirantes galegas, Santiago e Ourense. O responsable do Clúster cre que o importante é aumentar as posibilidades de que a sede se instale en Galicia.
Nunha entrevista no Galicia por Diante, del Corral dixo que A Coruña está ben posicionada fronte a outras competidoras como Xixón ou Granada e agarda que a nova axencia sexa un polo de atracción de novas empresas para a cidade que a acolla: "As empresas achegaranse onde estea a sede para presentar as súas estratexias tecnolóxicas e si que pode ser un tractor de unidades de alta tecnoloxías de moitas empresas que ata o de agora non pensaban instalarse en Galicia".
Del Corral comentou tamén a escaseza de persoal cualificado no sector tecnolóxico, debido á alta demanda. Asegura que é un problema a nivel mundial, dixo, porque as universidades non dan formado tantos especialistas como precisan as empresas: "Temos 1.000 vacantes sen cubrir en Galicia".
Rodríguez del Corral apuntou que o crecemento do sector tecnolóxico está a vivir unha desaceleración desde finais do verán que atribúe á inflación e á situación de incerteza sobre a evolución da economía, pero considera que é un problema conxuntural e amósase convencido de que o sector vai seguir medrando.