Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aumenta a demanda de cuartos en alugueiro e o seu prezo

Aumenta a demanda de cuartos en alugueiro e o seu prezo

Na Federación Galega de Inmobiliarias afirman que a demanda subiu un 38 % en ano e medio

A mesma fonte constata un incremento do 15 % nos prezos dos cuartos na comparativa interanual

G24.gal 16/02/2025 12:51

O piso compartido é unha opción á alza. O encarecemento do prezo da vivenda habitual incrementa a demanda de cuartos en alugamento, aínda que o custo destes tamén vai a máis.

"A demanda de vivenda compartida creceu un 38 % nos últimos dezaoito meses no conxunto de Galicia, que é moito, e os prezos dos cuartos incrementáronse un 15% na comparativa interanual", detalla o presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias, Benito Iglesias.

Segundo a cidade e a localización, un cuarto anda de media entre os 250 e os 400 euros ao mes e na Federación Galega de Empresas Inmobiliarias vaticinan que este ano van subir outro 12 %. A oferta crece pero a menor ritmo que a demanda.

"O mercado do alugueiro é moi volátil, pero nestes momentos podemos dicir que no mes de febreiro, no conxunto de Galicia, temos algo máis de 1.400 cuartos no circuíto de comercialización", puntualiza Benito Iglesias.

Benito Iglesias considera que os propietarios optan por ofrecer os seus pisos por estancias, unha fórmula non regulada pola actual lei de vivenda, en busca de maior seguridade xurídica.

"É que nestes momentos o propietario dunha vivenda non é que teñan desconfianza ou receo a alugar a súa vivenda, é que ten medo. E non só ten medo aos impagos ou aos danos, ten medo a non poder recuperar a propiedade", afirma o presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias.

Nos alugueiros por pezas, desde a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias subliñan a importancia de reflectir con claridade no contrato quen paga servizos como a luz, a auga ou o gas e o uso e xestión das zonas comúns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade