Permanecen desaloxados dous dos tres edificios afectados polo incendio de Ourense
Un dos inmobles quedou inservible e outro está precintado á espera de avaliación
Ao terceiro edificio que fora evacuado poideron regresar as familias na tarde deste sábado
Os bombeiros traballaron máis de dez horas ata dar por extinguido o incendio que afectou o edificio do número 72 da Avenida de Santiago de Ourense. A estrutura de madeira e a cuberta de panel sándwich que tiña facilitaron o avance das lapas e dificultaron a tarefa.
"Atacouse desde varios sitios, primeiro desde dentro e cando non puidemos seguir, pola carga térmica, atacamos desde fóra e desde os lateriais", explica o xefe do corpo de bombeiros de Ourense, César Pichel.
O inmoble colapsou por dentro e quedou inservible. Ademais un dos edificios contiguos está precintado á espera de determinar os seus danos. Ten estragos pola auga empregada contra o lume e houbo que facerlle un buraco para acceder ás vigas do que estaba en lapas.
O sinistro non causou feridos porque tanto estes dous edificios como o outro que linda co incendiado foron desaloxados a tempo.
"Subiu un policía petando na porta e eu díxenlle primeiro ao meu marido que non abrise, e mira o que tiñamos ao lado", conta unha veciña.
"Dixeron somos a Policía, teñen que desaloxar porque está ardendo o edificio do lado. E como todos, nerviosos, vestímonos o que puidemos e salimos", relata outra desaloxada.
De momento están por determinar as causas do incendio, que van ser investigadas.