Publicador de contidos

Publicador de contidos

A xustiza francesa investiga como terrorista un ataque mortal nas rúas de Mulhouse

A xustiza francesa investiga como terrorista un ataque mortal nas rúas de Mulhouse

O suposto autor matou un transeúnte cun coitelo e feriu tres policías municipais preto do mercado

O detido é un estranxeiro fichado por terrorismo, sobre o que pesa unha orde de expulsión

É o terceiro ataque con coitelo que se produce en Europa no que vai de mes

G24.gal 22/02/2025 18:26 Última actualización 22/02/2025 22:27

A Xustiza francesa investiga como terrorista o ataque mortal ocorrido na tarde deste sábado na cidade de Mulhouse, preto da fronteira con Alemaña. O suposto autor matou cun coitelo un transeúnte e feriu tres policías municipais antes de ser arrestado.

O detido, de 37 anos e orixe alxerina, estaba fichado por terrorismo coas facultades mentais perturbadas. Francia tentara expulsalo en repetidas ocasións pero o seu país non o aceptou.

Nunha entrevista á canle TF1, o ministro do Interior, Bruno Retailleau, insistiu na necesidade de "cambiar a lei para protexer mellor a poboación francesa".

Segundo o relato da Fiscalía Nacional Antiterrorista (PNAT), que asumiu o caso, o sospeitoso atacou varios policías municipais cunha arma branca ao grito de "Alá é o máis grande", en árabe.

O falecido, emigrante de orixe portuguesa, é un home de 69 anos que tratou de interpoñerse. Ocorreu pouco despois das 16:00 horas na praza do Mercado, no centro da cidade.

Asasinato terrorista

A investigación abriuse polos delitos de asasinato terrorista e tentativa de asasinato terrorista de persoas detentoras da autoridade.

O presidente francés, Emmanuel Macron, manifestou "a solidariedade da nación" coa familia do falecido e insistiu na súa "determinación" e a do seu Goberno para traballar co obxectivo de "erradicar o terrorismo" no país.

Macron en París tras enterarse da nova. REUTERS/Sarah Meyssonnier/Pool Macron en París tras enterarse da nova. REUTERS/Sarah Meyssonnier/Pool

Terceiro ataque

Este ataque é o terceiro que se produce en Europa no que vai de mes, presuntamente con móbil islamita. Este venres, no centro de Berlín, un home fichado por terrorismo feriu un turista español cunha arma branca.

O pasado 15 de febreiro, un sirio de 23 anos con permiso de residencia en Austria e que se radicalizou por Internet, acoitelou mortalmente un adolescente de catorce e feriu outras cinco persoas ao berro de "Alá é Grande" no centro de Villach, a 350 quilómetros de Viena.

Principais ataques en Europa dende 2020

-3 xaneiro 2020. Un home mata a unha persoa cun coitelo na localidade de Villejuif, ao sur de París, proferindo "Alá é Grande".

-4 abril 2020. Dúas persoas son asasinadas e outras cinco resultan feridas nun ataque con coitelo perpetrado por un refuxiado sudanés en Romans sur Isère.

-25 setembro 2020. Catro persoas resultan feridas por arma branca, dúas delas de gravidade, nun ataque perpetrado por un paquistaní, xunto á antiga sede do semanario Charlie Hebdo en París e planeado como un novo atentado contra a publicación.

-16 outubro 2020. Un profesor que mostrou caricaturas de Mahoma nunha clase sobre liberdade de expresión é decapitado en Conflans-Sainte-Honorine, na periferia parisiense, a mans dun novo refuxiado ruso de orixe chechena ao berro de "Alá é grande".

-29 outubro 2020. Un home mata tres persoas cunha arma branca na basílica de Notre Dame de Niza ao berro de "Alá é grande" antes de ser ferido e detido pola policía. O mesmo día, un home que ameazaba cunha arma na rúa aos transeúntes en Aviñón, foi abatido pola policía.

-23 abril 2021. Unha policía morre acoitelada nunha comisaría de Rambouillet, 50 quilómetros ao suroeste de París, a mans dun tunisiano que falece tamén polos disparos dos axentes, nun acto que a Fiscalía francesa investiga como terrorista.  

-13 outubro 2023. Un profesor é asasinado por arma branca a mans dun antigo alumno de orixe chechena, obxecto de seguimento polos seus vínculos co integrismo islámico, nun instituto de Arras (norte de Francia).

-2 decembro 2023. Un francés mata a coiteladas ao berro de "Alá é grande" un turista alemán na zona de Grenelle, próximo á Torre Eiffel, e fere outras dúas persoas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade