O Compostela abónase á vitoria pola mínima (1-0)
O Compostela abónase á vitoria pola mínima (1-0)
O equipo santiagués suma trece dos últimos quince puntos e abre unha fenda de sete co descenso
Rabanillo leva 460 minutos sen recibir un gol
Por terceiro partido consecutivo o Compostela gañou no Vero Boquete polo mesmo resultado: 1-0. Grazas á súa seguridade defensiva chégalle con acadar un gol para seguir afastándose dos postos de descenso. Contra o Llanera non xogou un gran partido, pero fixo merecementos dabondo para acadar o triunfo.
Na primeira parte Manu Rivas tivo a única ocasión santiaguesa. Na segunda cambiou a dinámica e os de Permuy xeraron moitas máis ocasións. Fer Cano tivo dúas moi claras, Ocaña cun disparo desde lonxe e Manu Barreiro fallou cando o máis doado era marcar. Era o minuto 83 e parecía que non ía chegar o gol da vitoria, cando un barullo despois dunha falta sacada por Fer Cano acabou na rede despois dun toque case sen querer de David Soto.
Con esta vitoria o Compostela afástase dos postos de descenso (7 puntos) e mantén a xeira de partidos sen recibir. Rabanillo leva 460 minutos imbatido.