Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez, aos afectados pola DINA: "España enteira chora con vós, non vos imos deixar sós"

Sánchez, aos afectados pola DINA: "España enteira chora con vós, non vos imos deixar sós"

O presidente do Goberno traslada a súa "solidariedade e afecto" ás vítimas e promete "toda a axuda necesaria" para que podan reconstruír "os seus fogares e as súas vidas" 

O rei traslada o seu pésame aos familiares das vítimas e di que "lle tranquiliza saber que todos os medios dispoñibles están ao dispór das autoridades"

Feijóo traslada a súa solidariedade "a aqueles que o perderon todo" e pídelle o Goberno que declare "loito nacional"

Rober Solsona / Europa Press
G24.gal 30/10/2024 09:34 Última actualización 30/10/2024 15:14

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, manifestou este mércores a súa "solidariedade e afecto" a todas as vítimas do temporal que arrasou parte da Comunidade Valenciana e de Castela-A Mancha e garantiulles toda a axuda necesaria para que podan reconstruír "os seus fogares e as súas vidas".

"Non vos imos deixar sós", asegurou nunha declaración institucional na Moncloa tras regresar dunha viaxe oficial á India.

Sánchez deixou claro que a "prioridade absoluta" é axudar os afectados e avanzou: "Imos axudar con todos os recursos do estado e, se fai falla da Unión Europea, para que poidades saír adiante e reconstruír os vosos fogares e as vosas vidas".

O presidente pediu a quen vive nas zonas asolagadas que "extremen as precaucións" e "que ninguén poña en risco a súa vida".

Declaracións do presidente do Goberno minutos antes de que reúna o Comité de crise para coordinar o seguimento dos efectos da DINA, que provocou xa medio cento de vítimas mortais en Valencia.

A reunión está prevista para as 12:00 do mediodía na Moncloa e a ela asistirán a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda; a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social; a vicepresidenta terceira e ministra para a Transformación Ecolóxica e o Reto Demográfico; o ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes; o ministro do Interior; o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, e o ministro de Política Territorial e Memoria Democrática.

Filipe Sexto: "Trasladar o pésame e a tristeza por tantas perdas humanas e polas enormes desfeitas de infraestruturas e bens materiais"

O Rei Filipe VI trasladou o seu pésame ás vítimas da DINA e destacou a necesidade de deixar traballar os servizos de rescate e atender as recomendacións das autoridades. Así o indicou o rei nunha comparecencia ante os medios de comunicación en Telde (Gran Canaria), onde se atopaba asistindo a un exercicio do Exército do Aire e do Espazo.

Filipe VI transmitiu a súa "desolación e preocupación" ante a traxedia e trasladou, no seu nome e no da raíña, o seu pésame e tristeza a todas as familias afectadas que perderon os seus seres queridos e aos que aínda non saben nada dos seus achegados.

"O principal é trasladar o pésame e a tristeza por tantas perdas humanas e as enormes desfeitas de infraestruturas e bens materiais", indicou o rei.

O monarca destacou que lle tranquiliza saber que todos os medios dispoñibles están ao dispór das autoridades para axudar os afectados e confía en que "non teñan ningunha limitación de medios".

Filipe VI pediu á cidadanía que tomen "todas as precaucións necesarias e atendan as recomendacións que vaian transmitindo as autoridades".

O Rei mantense en contacto permanente co presidente do Goberno, cos presidentes das comunidades afectadas e co ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska; co que previsiblemente manterá unha videoconferencia.

Feijóo traslada a súa solidariedade "a aqueles que o perderon todo" e anuncia que viaxará ás zonas afectadas

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, amosouse "consternado, devastado e aterrado" polas consecuencias do temporal. Á súa chegada ao Congreso advertiu de que nas próximas horas poden coñecerse informacións "malas e desoladoras para moitas familias". 

Posteriormente mandou unha mensaxe de agradecemento aos servizos de emerxencia que  "estiveron traballando toda a noite e aínda lles quedan moitos días por traballar" e tamén de solidariedade a aqueles "que o perderon todo, a súa familia, os seus bens e viven coa inquedanza do seu futuro e descoñecen o paradoiro das persoas achegadas".

Trasladou tamén o seu "máis sentido pésame" no nome do PP aos familiares e amigos dos falecidos.

Feijóo anunciou que viaxará ás zonas afectadas pola DINA. Fontes do PP indicaron que esta mesma tarde Alberto Núñez Feijóo visitará o municipio albaceteño de Letur canda o presidente de Castela A Mancha, Emiliano García-Page.

O propio Feijóo avanzou a primeira hora da mañá que está "en contacto" cos presidentes autonómicos de Castela-A Mancha, Andalucía e a Comunidade Valenciana para desprazarse "en canto sexa posible" ás zonas damnificadas.

A Xunta envía ao Levante un helicóptero con capacidade para rescatar ata 10 persoas

A Xunta de Galicia enviou xa á zona de Levante afectada polas inundacións o helicóptero Pesca I, con base en Vigo, que ten capacidade para rescatar ata a dez persoas simultaneamente. O aparello xa despegou con catro persoas a bordo: o piloto, o copiloto, un técnico e un rescatador.

Segundo anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o Pesca I estará operativo xa esta tarde.

O helicóptero Pesca I da Xunta pouco antes de despegar desde o aeroporto vigués de Peinador O helicóptero Pesca I da Xunta pouco antes de despegar desde o aeroporto vigués de Peinador

O presidente da Xunta amosou a súa preocupación polo ocorrido. "A cifra de vítimas é tremenda, aínda non se sabe o número total, e as perspectivas non son nada boas", sinalou.
 

Á súa chegada a un acto en Santiago de Compostela, o mandatario galego sinalou que aínda non puido falar cos presidentes de Valencia, Carlos Mazón, e de Castela A Mancha, Emiliano García Page, con quen si contactou na tarde de onte para coñecer a situación e ofrecer axuda.

Nesas conversas, por mensaxe, ambos os dous lle comunicaron que estaban moi preocupados e atentos ao que puidese pasar pola noite.

O Goberno galego non ten constancia "neste momento" de que haxa galegos entre os desaparecidos

A Xunta non ten constancia de que haxa galegos entre os desaparecidos polas inundacións na zona de Levante.

Segundo explicou en Vigo o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, o martes pola noite recibiron seis chamadas de galegos que non conseguían contactar cos seus familiares e amigos de Valencia. Cinco desas chamadas foron derivadas ao 112 de Valencia y unha á Garda Civil e "foron atendidas a partir dese momento".

O Parlamento galego garda un minuto de silencio e solidarízase coas vítimas da DINA 

O Parlamento de Galicia gardou este mércores un minuto de silencio e solidarizouse coas vítimas da DINA.

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, xunto ao conselleiro de Cultura e representantes da Cámara congregáronse ás 12:30 horas nas escaleiras da entrada principal do Pazo do Hórreo para este acto de homenaxe.

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices xunto a representants dos grupos este mércores fronte ao Parlamento de Galicia  (EFE / Lavandeira jr) O presidente do Parlamento, Miguel Santalices xunto a representants dos grupos este mércores fronte ao Parlamento de Galicia (EFE / Lavandeira jr)

Entre eles estaban os líderes do BNG, Ana Pontón; do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, e o do Grupo mixto, Armando Ojea (DO), así como outros deputados e traballadores do Parlamento.

Todos eles gardaron un minuto de silencio, que acabou cun aplauso, na memoria das vítimas da DINA. Despois, a actividade na cámara reanudouse con normalidade.

A oposición apoia o envío de axuda desde Galicia aos damnificados pola DINA

 O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, apoiou o envío de “axuda de todo tipo” para os damnificados pola DINA. Asegurou que están “absolutamente conmocionados ante esta traxedia ambiental” e expresou a súa "solidariedade" coas vítimas.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que a Xunta de Galicia conta co respaldo dos nacionalistas galegos para que envíe "todos os medios que sexan necesarios para axudar nun momento tan duro e tan dramático" polos efectos da dina no sueste de España.

"Man tendida para axudar en todo o necesario", sostivo Pontón, "encóllesenos o corazón". Pontón decidiu cancelar a rolda de prensa que tiña previsto ofrecer por outros asuntos ante a "dramática situación" que se está producindo en diversas zonas do Estado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade