Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Congreso rexeitará este mércores o gravame enerxético e decidirá sobre pensións e transporte

O Congreso rexeitará este mércores o gravame enerxético e decidirá sobre pensións e transporte

Para aprobar o decreto ómnibus o Goberno precisa do apoio de Junts, tras a ameaza de Puigdemont de suspender as negociacións, ou do PP, que podería optar pola abstención

O apoio do PP garante a aprobación do decreto que afecta ás xubilacións demoradas, parciais e activas

Pedro Sánchez e María Jesús Montero nunha sesión de control ao Goberno, a 18 de decembro de 2024. Europa Press / Jesús Hellín Pedro Sánchez e María Jesús Montero nunha sesión de control ao Goberno, a 18 de decembro de 2024. Europa Press / Jesús Hellín
G24.gal 21/01/2025 20:38 Última actualización 21/01/2025 20:39

O Congreso dos Deputados votará este mércores unha batería de medidas aprobadas polo Goberno en decembro de 2024, que van desde a extensión do gravame enerxético, que todo apunta a que será rexeitada, ata a suba das pensións, que polo momento continúa no aire.

Dos tres reais decretos leis que debate o pleno extraordinario, o denominado 'decreto ómnibus' -que recolle desde a suba de pensións ás axudas ao transporte- é o que xera máis incerteza, xa que parece asegurado tanto o rexeitamento do gravame enerxético como a validación da compatibilidade entre traballo e pensión.

Dúbidas sobre a subida de pensións e axudas ao transporte

Para validar o decreto ómnibus é necesario o apoio ou ben de Junts -unha formación coa que o Goberno asegura manter contactos a pesar de que o seu líder, Carles Puigdemont, ameazou a pasada semana con suspender todas as negociacións- ou ben do PP, que segundo algunhas fontes podería finalmente optar pola abstención.

En caso de aprobarse, máis de 12 millóns de pensións contributivas subirían un 2,8 %, mentres que a pensión mínima aumentaría un 6 % e as non contributivas e o ingreso mínimo vital incrementaría un 9 %.

Tamén recolle a ampliación da gratuidade dos abonos de Renfe para media distancia e proximidades durante o primeiro semestre do ano, así como o servizo gratuíto nas liñas de autobús estatais e o cofinanciamento das rebaixas do 50 % dos abonos do transporte público urbano e metropolitano, entre outros.

A isto engádense as prórrogas dos Orzamentos de 2023 -os mesmos que estiveron vixentes en 2024-, do salario mínimo interprofesional -ata que se aprobe o de 2025-, as deducións no IRPF para as obras de mellora da eficiencia enerxética nas vivendas, as axudas para a compra de vehículos eléctricos ou do bono social de electricidade.

Outras medidas son o axuste no límite que obriga a presentar a declaración da renda, o atraso ata abril do imposto sobre os vapeadores ou a prórroga do escudo antiopas ata o 31 de decembro de 2026.

Todas estas medidas decaerían se o decreto non supera a votación, aínda que o Goberno podería tentar rescatalas con reais decretos leis independentes para facilitar a súa aprobación.

O gravame enerxético decaerá

Outro dos reais decretos leis que se debaten mañá regula a extensión a 2025 do gravame temporal sobre as grandes enerxéticas, tal e como o Goberno acordou con ERC, Bildu e BNG no marco da reforma fiscal, unha medida que rexeitan tanto PNV como Junts.

O apoio destes dous grupos é imprescindible para validar o real decreto lei, polo que todo apunta a que será rexeitado no Congreso e decaerá.

Validación da xubilación demorada, parcial e activa

Pola contra, parece garantida a validación do real decreto lei que recolle os cambios en materia de pensións pactados o pasado verán polo Goberno con patronal e sindicatos e que afectan, entre outros aspectos, á xubilación demorada, a parcial e a activa.

Esta norma conta co apoio do PP, o que garante a súa aprobación a pesar de que grupos de esquerdas como Podemos, BNG e EH Bildu avanzaron o seu rexeitamento ao considerar que supón "alongar a idade de xubilación de forma encuberta".

O texto mellora os incentivos para demorar a idade de xubilación, así como facelos compatibles coa xubilación activa e establece un novo procedemento para o recoñecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación en actividades con elevados índices de penosidade, toxicidade, perigo ou insalubridade, entre outros cambios.

As posicións de PP e Junts

Pese a que o PP non adiantou o seu voto sobre o decreto ómnibus, si que deixou caer unha crítica polo feito de que a norma non inclúa o IVE reducido da luz, que vai volver situarse nun 21 % permanente. A formación de Alberto Núñez Feijóo tamén reprochou que se inclúa no decreto unha disposición para conceder ao PNV a propiedade do edificio no que se sitúa, entre outros edificios, a sede do Instituto Cervantes en París.

"O PNV converteuse no partido aprovechategui do noso país. Queren aproveitar a debilidade de Sánchez e facer caixa", protestou este mércores o portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado. Pola súa banda, Vox considera a norma como unha "estafa" e unha "chantaxe".

Por outra banda, esta sesión extraordinaria tamén será un momento chave para que o Goberno poña a proba ata onde chega a ameza do líder de Junts, Carles Puigdemont, sobre o seu apoio parlamentario tras suspender as negociacións sectoriais entre a súa formación e o PSOE.

"Se hai decretos que hai que validar, que non nos busquen", advertía Puigdemont o pasado venres desde Bruxelas, despois de que a Mesa do Congreso decidise non pronunciarse e seguir estudando se admite a trámite a proposición non de lei de Junts na que pide a Pedro Sánchez someterse a unha cuestión de confianza.

Por tanto, a esta será outra xornada parlamentaria de vertixe, con todos pendentes dos apoios dos socios de investidura pero tamén, e aquí está unha das novidades, do que fagan os populares.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade