Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Deportivo empata sen goles co Córdoba nun gran partido

O Deportivo empata sen goles co Córdoba nun gran partido

Houbo boas ocasións, sobre todo para o equipo coruñés, pero non se moveu o marcador

Foto: @RCDeportivo
G24.gal 03/12/2022 21:23 Última actualización 03/12/2022 21:32

O Deportivo continúa a sete puntos do Córdoba, un líder moi sólido que demostrou en Riazor moitas das súas virtudes. Tamén mostrou unha boa faciana o conxunto coruñés, que nos momentos nos que foi dominado polo seu rival minimizou as súas oportunidades.

Nos primeiros minutos o Córdoba dificultou moito as accións dun Deportivo que, malia todo, estivo a piques de adiantarse grazas a un despexe defectuoso de Calderón contra o pau da súa portería. No treito final do primeiro tempo mandaron os brancoazuis, que acumularon ocasións para poder marcar algún gol. Quiles, moi fino nas últimas xornadas, estivo en todas. Nunha delas case aproveita o rexeitamento da defensa un Isi Gómez que topou co gardameta Carlos Marín. Na seguinte, o pase foi de Isi. O remate de Quiles. E a resposta, unha vez máis, de Marín.

O Córdoba resistíu o asedio e na primeira que tivo levou o balón ao fondo da portería de Makay. Unha falta lateral, unha prolongación, e o remate de Jorge Moreno que non valeu. O asistente indicou un fóra de xogo moi xusto. No momento no que toca Diarra, Moreno podería estar en liña. A última acción antes do descanso volveu a poñer a proba ao porteiro visitante, quen salvou ante Mario Soriano tralo toque de Alberto Quiles.

Na segunda metade as oportunidades foron menos claras. Segundo pasaban os minutos aumentaba o medo a perder por parte dos dous equipos. Intentárono Quiles ou Mario Soriano, sen fortuna. O Córdoba contragolpeou nalgunha acción, e levou certo perigo cun remate forzado de Willy Ledesma. Foi a última. O marcador non se moveu entre dous dos grandes aspirantes ao ascenso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos