O economista Mark Carney convértese no novo primeiro ministro do Canadá
Pouco antes da toma de posesión, Trudeau reuniuse en privado coa gobernadora xeral do país, Mary Simon
Tamén asumiron o cargo os integrantes do seu novo gabinete, que mantén moitos ministros do anterior goberno de Trudeau

O economista Mark Carney converteuse este venres no vixésimo cuarto primeiro ministro do Canadá, en substitución de Justin Trudeau, tras prometer o cargo nunha cerimonia en Ottawa. Pouco antes da toma de posesión de Carney, Trudeau reuniuse en privado coa gobernadora xeral do país, Mary Simon, que exerce as funcións de xefa de Estado en representación do monarca británico, para formalizar a súa renuncia tras máis de nove anos como primeiro ministro.
Este venres tamén asumiron o cargo ante Simon os integrantes do seu novo gabinete, que mantén moitos dos ministros do anterior goberno de Trudeau (2015-2025).
Carney decidiu incorporar como ministra de Transporte e Comercio Interno a Chrystia Freeland, que foi unha das candidatas para facerse co liderado do Partido Liberal e cuxa dimisión en decembro de 2024 provocou a renuncia de Trudeau.
Outros membros destacados do novo Goberno canadense son François-Philippe Champagne, ministro de Finanzas; Mélanie Joly, que mantén a carteira de Exteriores, e Dominic LeBlanc, titular de Comercio Internacional. O novo xefe do Executivo canadense chega ao poder coa reputación de boa xestión económica á fronte do Banco do Canadá (2008-2013) e o Banco de Inglaterra (2013-2020).
O domingo, tras ser declarado novo presidente do Partido Liberal con preto do 86 % dos votos emitidos, dedicara boa parte do seu discurso para denunciar os ataques do mandatario estadounidense, Donald Trump, á economía e soberanía do seu país. Unha das primeiras decisións que debe tomar como primeiro ministro é se disolve o Parlamento e convoca de forma inmediata os canadenses ás urnas, xa que as eleccións xerais están programadas para outubro deste ano.
Os liberais canadenses están en minoría na Cámara Baixa, polo que a unión dos tres principais partidos da oposición (o Partido Conservador, o socialdemócrata Novo Partido Democrático e o soberanista Bloque Quebequés) pode gañar unha moción de censura e provocar comicios anticipados.
Está previsto que Carney viaxe nos próximos días a Londres e París para reforzar o vínculo do Canadá con Europa ante a deterioración das relacións cos Estados Unidos, e que ao seu regreso convoque eleccións anticipadas.