O Fisterra consegue a súa cuarta Copa da Costa
O Fisterra consegue a súa cuarta Copa da Costa
Derrotou á Esteirana na final (2–1) dun dos torneos senlleiros no fútbol afeccionado galego, que vimos na G2
Enfrontáronse na final da Copa da Costa o Fisterra, da Preferente, e a Esteirana, de Segunda Rexional. Porén, non se notaron as dúas categorías de diferenza que había entre os dous equipos. De feito, foi mellor a Esteirana no primeiro tempo, no que dispuxo de dúas boas oportunidades rexeitadas polo meta Bouzón.
E, inmediatamente despois, o Fisterra adiantouse no marcador nunha recuperación de Cea e un gran pase de Julián resolto por Adrián Mackay. Era o minuto 33. A resposta da Esteirana foi tan rápida como vistosa. Raúl Lestón recibe a pelota e dun magnífico esquerdazo logra o un a un.
Saíu mellor o Fisterra no segundo tempo. Estévez remata ao poste nada máis volver do descanso. E pouco despois, Victor Casais remata en gol un magnífico centro de Julián.
A Esteirana dispuxo dunha clara oportunidade para igualar o encontro, pero o disparo de Oliver estrelouse no traveseiro.
O Fisterra proclamábase campión de Copa por cuarta vez na súa historia.