O furacán Ian chega a Florida reforzado e sendo un dos máis potentes da historia
O furacán Ian chega a Florida reforzado e sendo un dos máis potentes da historia
Considerase xa un dos cinco máis violentos que toca terra nos Estados Unidos
Con ventos sostidos de 250 quilómetros por hora, está á beira da categoría 5
O furacán Ian chegou aos Estados Unidos tras varrer Cuba e tocou terra no estado da Florida. E fíxoo fortalecido, preto da categoría 5, a máis perigosa, con ventos sostidos de 250 quilómetros hora e chuvias torrenciais. Trátase xa dun dos cinico furacáns máis poderosos xamais rexistrados que tocan terra nos Estados Unidos. Máis preto de categoría 5 que da 4.
Quedaría por comprobar nas próximas horas o seu nivel destrutivo, pero agárdanse, e xa se están a producir, inundacións catastróficas. Ian colleu aínda máis forza dende Cuba, onde deixou dous mortos e a illa completa sen electricidade e unha gran devastación.
A evacuación obrigatoria decretouse para máis de dous millóns de habitantes da costa occidental da Florida. Máis de 300.000 fogares están xa sen electricidade. O vórtice ou ollo da tormenta tocou terra no oeste do estado, algo máis ao sur do previsto, e golpeou na cidade de Fort Myers, debaixo de Sarasota ou Tampa Bay.
Hai moita preocupación nesta zona, porque xusto aí tamén está Piney Point, unhas piscinas, ou lagoas exteriores, cheas de mil millóns de toneladas de residuos tóxicos derivados da industria mineira do estado, que poderían desbordarse e causar unha gran contaminación radioactiva.
Os cualificativos esgótanse para este furacán. Ron De Santis, gobernador da Florida, falou dun monstro e advertiu de que vai ser un evento tráxico dun impacto enorme, mentres o presidente dos Estados Unidos Joe Biden fixo este mércores un novo chamamento aos cidadáns para que extremen a prudencia e se protexan ante un evento potencialmente mortal. Tamén prometeu axudas millonarias en caso de seren necesarias.
Prevese que o furacán non perda demasiada forza ao seu paso pola Florida, e o seu rastro deixarase notar tamén nos próximos días nos estados de Xeorxia e Carolina do Sur.