Publicador de contidos
Publicador de contidos

Suspéndese este domingo polo temporal a actividade deportiva nun cento de concellos

Suspéndese este domingo polo temporal a actividade deportiva nun cento de concellos

A chegada da borrasca Herminia activa de madrugada o aviso laranxa en todo o litoral

A Xunta puxo en funcionamento o plan Inungal polo risco de desbordamentos puntuais

G24.gal 25/01/2025 08:17 Última actualización 25/01/2025 18:18

Xornada de transición entre borrascas nun sábado de mar brava. De feito, estivo activado o aviso amarelo en todo o litoral por ondas de entre catro e cinco metros de altura ata as 18:00 horas.

Segundo MeteoGalicia, o domingo regresan os ventos e as chuvias intensas co temporal Herminia. Activarase o aviso laranxa por precipitacións de máis de 80 l/m2 en doce horas no interior de Pontevedra, no oeste da Coruña e no sur de Ourense.

Porén, a situación máis complicada estará no mar, onde se agardan ondas por riba dos cinco metros e ventos de compoñente sur de forza 8. A costa vai permanecer en aviso laranxa durante toda a xornada.

Xa para o luns, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) activa o aviso vermello todo o día na costa noroeste da Coruña, por ventos superiores aos 80 quilómetros á hora (forza 9) e ondas de ata 10 metros.

Activado o Plan Inungal

A Xunta activou ás 00:48 horas deste sábado o Plan Inungal (Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións en Galicia) pola posibilidade de que se produzan desbordamentos puntuais nalgúns ríos.

De acordo cos últimos datos facilitados por Augas de Galicia, a estación do Oitavén, no concello de Soutomaior, rexistra un nivel superior aos limiares de seguimento establecidos.

Oleaxe na praia de Ponzos, en Ferrol. EFE/Kiko Delgado Oleaxe na praia de Ponzos, en Ferrol. EFE/Kiko Delgado

Suspéndese a actividade deportiva

A Secretaría para o Deporte da Consellería de Presidencia suspendeu, durante toda a xornada do domingo, a actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior en 15 concellos da Mariña lucense e en 38 do noroeste da Coruña.

Tamén se suspende durante toda a tarde en 33 concellos do litoral de Pontevedra; 22 concellos do oeste e suroeste da provincia da Coruña; así como 19 concellos da montaña de Ourense.

Ademais, cancélase en toda Galicia a actividade deportiva federada no mar. Os concellos que están afectados poden consultarse no mapa de zonas climáticas de MeteoGalicia.

A conselleira na sede de MeteoGalicia A conselleira na sede de MeteoGalicia

"Non arriscar"

Cos vista posta na chegada de Herminia, a Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, pediu estremar a precaución.

"Hai outros momentos para pasear á beira da costa ou dos ríos, ou mesmo polo bosque, mañá mellor resgardémonos por precaución", dixo.

Nunha conferencia de prensa na sede de MeteoGalicia, recomendou "non arriscar", sobre todo na costa, e evitar "sacar eses selfies que ao final poden acabar sendo máis un problema que unha boa fotografía".

Ademais, aconsellou estar pendente da información meteorolóxica que se actualiza dúas veces ao día e avanzou que este luns tamén haberá neve.

Reclamación de competencias

Vázquez puxo en valor os medios de MeteoGalicia ante este tipo de situacións, cun sistema de protocolos e programas punteiros, e volveu reclamarlle ao Goberno as competencias en meteoroloxía para evitar "unha dobre función cun mesmo obxectivo".

Neste sentido, lembrou que a Xunta ten un sistema "suficientemente maduro" e xa está a traballar na elaboración da lei autonómica do clima na que se incluirán certos artigos "que fagan posible que teñamos a competencia a posteriori".

Un home pasa por un parque precintado polo temporal na Coruña. EFE/Cabalar Un home pasa por un parque precintado polo temporal na Coruña. EFE/Cabalar

Máis de 370 incidencias

A fronte asociada á borrasca Éowyn deixou un total de 374 incidencias, case a metade na provincia da Coruña, segundo informa o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia.

A maioría delas estaban relacionadas coa caída de árbores e pólas nas estradas (123). Tamén houbo numerosas intervencións para evitar riscos (69 actuacións); por obxectos desprazados nas vías (44); por derrubamentos (19) e por inundacións (15).

Os municipios máis afectados foron: Ferrol, Narón, Santiago de Compostela, Vigo, A Estrada, Foz e Lugo.

Accidentes

Ademais das incidencias menores, o temporal influíu no número de accidentes rexistrados. Un dos máis salientables tivo lugar en Lousame, ás 21:40 horas, cando un vehículo sufriu unha saída de vía na DP-4202, á altura do quilómetro 1.

Segundo informa o 112, o condutor trataba de esquivar unha árbore caída e rematou na cuneta. Pouco despois, ás 21:50 horas, na rúa Luis López Casanegra, en Elviña (A Coruña), un motorista quedou ferido ao pasar por riba dun sumidoiro sen tapa.

Outro episodio destacable rexistrouse en Lugo, no lugar de Seoane, parroquia de San Xoán de Pena, ás 22:00 horas. Un piñeiro de grandes dimensións caeu sobre un cortello e feriu varios animais.

A borrasca Herminia chega o domingo con vento e chuvia. EFE/Cabalar A borrasca Herminia chega o domingo con vento e chuvia. EFE/Cabalar
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade