O Goberno calcula que a factura eléctrica podería baixar en menos dun mes
O Goberno presentará as medidas esta semana e agardará o visto e prace da UE
O Consello Europeo acepta a singularidade ibérica para lidar coa factura da luz
A Xunta cualifica de "improvisación" o acordo acadado por Sánchez en Bruxelas
A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, calcula que "en tres ou catro semanas" poderían poñerse en marcha as medidas para intervir o mercado da enerxía e abaratar o prezo da luz.
Asegurouno nunha entrevista na canle 24 horas de RTVE, un día despois de que o Consello Europeo aceptara un "trato especial" para España e Portugal neste sentido.
O Goberno de Pedro Sánchez vai trasladarlle a Bruxelas a súa proposta esta mesma semana e agardará o seu visto e prace para poñelas en marcha. En concreto, España defenderá que se desacople o prezo do gas do da electricidade.
"Queremos que o prezo do gas non sexa o prezo ao que se pague o resto da electricidade que se produce cun custo moito máis barato", subliña a ministra.
Ribera lembra que as medidas serán temporais e vinculadas a unha excepcionalidade que se está a vivir como consecuencia da invasión de Ucraína. O obxectivo, asegura, é poder habilitar un mecanismo de compra conxunta de gas para que caia por baixo dos limiares actuais.
Sobre o acordo alcanzado, obxecto de críticas por parte dos partidos da oposición, pensa que era "imprescindible". Segundo explica, de poñer en marcha as medidas de xeito unilateral, terían incumprido as regras e España podería enfrontarse á apertura dun procedemento de infracción.