O Goberno francés subirá os impostos aos máis ricos
O Goberno francés subirá os impostos aos máis ricos
A suba afectará as familias que gañan 500.000 euros anuais e as empresas que obteñan máis de 1.000 millóns de euros de beneficios
A medida será "temporal" e con ela pretenden recadar preto de 20.000 millóns de euros
Os orzamentos de 2025 que prepara o novo Goberno francés prevén un aumento "excepcional" dos impostos ás familias máis ricas e ás empresas con moitos beneficios.
Nunha entrevista na canle de televisión France 2, o ministro de Facenda Laurent Saint Martin indicou que a suba afectará a un número reducido de franceses, "falamos do 0,3 %".
Nese grupo engloba as familias que gañan 500.000 euros anuais, aos que van solicitar "unha contribución excepcional" e as empresas con máis de 1.000 millóns de euros de beneficios, ás que se lles aplicará "unha recarga excepcional" no imposto de sociedades.
O ministro aclarou que a medida "terá que ser temporal" para poñer en evidencia que "a política de crecemento, que deu froitos, debe perdurar". Con esta suba fiscal esperan recadar preto de 20.000 millóns de euros adicionais.
"Todas as grandes empresas, na medida en que poden, deben contribuír nun momento estratéxico para as finanzas públicas", sinalou.
Estas medidas pretenden atallar a desfeita das finanzas públicas francesas, cun déficit que se vai disparar este ano ata o 6,1 % do produto interior bruto (PIB). O Executivo quere reducir en 2025 ao 5 % o déficit recorrendo ao recorte do gasto.
Entre eses recortes, un dos máis paradigmáticos será atrasar a revalorización das pensións de xaneiro a xullo de 2025, o que representará entre 3.000 e 4.000 millóns de euros.