Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno rebaixará o IVE do gas do 21 ao 5 por cento

O Goberno rebaixará o IVE do gas do 21 ao 5 por cento

A medida entrará en vigor o próximo outubro e estará vixente ata finais de ano, aínda que se podería prorrogar

O presidente do Goberno anunciou a baixada do imposto, que defendeu como "razoable", para tratar de baixar a factura da calefacción

O PP solicitara en varias ocasións ao Goberno esta rebaixa do IVE do gas

G24.gal 01/09/2022 08:40 Última actualización 01/09/2022 15:08

O Goberno anuncia unha rebaixa do IVE do gas a partir do mes de outubro, que pasará a estar no 5 %, respecto ao 21 % actual.

Anunciouno esta mañá o presidente do Goberno Pedro Sánchez nunha entrevista na Cadena Ser, en que explicou que a medida estará en vigor ata o 31 de decembro. Con todo, adiantou que o Goberno se abre a estendela ao longo do próximo ano, en función das circunstancias, "mentres dure esta situación tan difícil".

Sánchez asegurou que considera "razoable" que o Executivo tente baixar agora a factura da calefacción. Dixo o presidente do Goberno que xa rebaixaron nun 80 % os impostos vinculados á luz pero poden facer "moito máis" e por iso expuxeron a rebaixa do IVE do gas "en consonancia coa política económica que estamos a despregar ao comezo da crise enerxética".

O PP solicitou en varias ocasións ao Goberno esta rebaixa do IVE do gas, en liña coa aplicada xa ao imposto da luz, e adiantou que era unha das propostas que formularía na comparecencia de Sánchez no Senado o vindeiro martes para explicar as medidas de aforro enerxético.

A vicepresidenta segunda di que é unha medida transitoria ante a elevada inflación: "O que está facendo é atallar a inflación e facilitar a vida dos consumidores, pero como dixemos cando se abordou a anterior baixada do IVE, son medidas transitorias".

Esta rebaixa era unha das peticións de Alberto Núñez Feijóo, que xa a incluíra no plan económico que o PP lle trasladou ao Goberno. "Que pena que se o propuxemos en abril chegue cinco meses tarde á proposta do PP. E aínda que sexa arrastras e despois de insultarnos, agradecémoslle que nos faga caso en algo".

Dende o Goberno rexeitaban aínda onte esta proposta. "Non ten ningunha credibilidade ningunha proposta do PP en materia fiscal, porque só baixa impostos cando está na oposición pero súbeos cando está no Goberno", dicía Félix Bolaños.

Para Rueda a decisión chega tarde

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebra que agora se anuncie a rebaixa do IVE do gas. Considera que se perderon meses para protexer os cidadáns fronte á suba continua da factura.

Esa rebaixa é unha das medidas que a Xunta inclúe no documento que acaba de remitirlle ao Goberno con propostas para o plan de contixencia enerxético.

Non prevé restrinxir a subministración de gas

Sánchez tamén asegurou que non prevé ter que restrinxir a subministración de gas este inverno ao explicar que España conta cunha situación "moito máis folgada e moito máis segura" en relación con outros países europeos, moi dependentes do gas ruso.

"En principio non prevemos ese escenario", insistiu o presidente, e sinalou que o Goberno está a falar coa industria, as empresas, os grupos parlamentarios e as comunidades autónomas para considerar unha serie de medidas en función de como evolucione a situación.

E sobre este panorama tan complicado derivado da invasión de Ucraína, Sánchez admitiu que o contexto é "de alta incerteza", pero tamén quixo deixar claro que, sen chegar á euforia, non se pode caer "no catastrofismo" e o deber do Executivo, recalcou, é precisamente trasladar certezas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos