O Goberno regularizará 26.000 migrantes afectados pola dina
O Consello de Ministros ten previsto conceder autorizacións de residencia e traballo dun ano de duración ás vítimas da riada en situación irregular
![Localidade valenciana de Chiva/Deputación de Valencia](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250210/Danachiva.png)
O Consello de Ministros aprobará este martes a regularización dos 26.000 migrantes afectados pola dina de Valencia do pasado 28 de outubro en que morreron máis de 200 persoas e asolou case 80 municipios.
O Goberno concederá autorizacións de residencia e traballo dun ano. Entre regularizacións e prórrogas dos permisos xa concedidos, prevese que o conxunto de medidas pode beneficiar 98.000 persoas.
A medida que chega ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións é unha proposta extraordinaria que leva tempo barallándose e formará parte dun paquete de medidas coas que se facilitarán as prórrogas e a concesión de permisos dos inmigrantes que vivían ou traballaban nas zonas devastadas.
"Estamos a estudar desde o absoluto rigor xurídico con moitísima sensibilidade e pronto daremos a coñecer as medidas que imos adoptar, pero sempre desde a seguridade xurídica", avanzou a ministra Saiz o 29 de xaneiro tras participar no pleno do Consello Económico e Social (CES).
Tanto as axudas estatais como as autonómicas esixen dispoñer do DNI ou do NIE, o contrato de traballo ou o contrato de alugueiro e a conta bancaria, que "exclúen as aproximadamente 40.000 veciñas e veciños das zonas afectadas que se atopan en situación administrativa irregular, un dos colectivos con maior desprotección social", explica a ministra.
Trátase dunha autorización de residencia por circunstancias excepcionais sobrevidas, que poderán solicitar os cidadáns estranxeiros empadroados ou con cita para facelo nalgún dos municipios afectados polo temporal con anterioridade ao 4 de novembro de 2024.
Tamén poderán optar a este permiso os cónxuxes, fillos menores de idade do solicitante ou da súa parella ou fillos adultos con algunha discapacidade que limite a súa autonomía. No caso dos familiares estranxeiros de vítimas mortais da dina, a autorización terá unha vixencia de cinco anos.
A concesión automática de prórrogas e renovacións de permisos xa concedidos beneficiará estudantes, voluntarios e os titulares de autorizacións de longa duración que estean preto de expirar.