O grupo Baiuca atrapado en Sudán xa está de regreso na casa
O grupo Baiuca atrapado en Sudán xa está de regreso na casa
Baiuca xa está na casa. O grupo de música galego quedou atrapado en Sudán despois de que no país africano se producira un golpe de estado. Tras cinco días de incerteza refuxiados na Embaixada española e case dous días de viaxe de volta, por fin aterraban en Baraxas o sábado e xa están coas súas familias. Iso si, non esqueceron agradecer todas as mostras de cariño recibidas.
A formación músical galega integrada por cinco compoñentes chegaba sobre as nove da noite de onte ao aeroporto internacional de Baraxas. Así o fixeron saber a través das redes sociais mediante unha mensaxe na que agradecían as mostras de apoio que recibiran despois de quedaren atrapados en Sudán o domingo pasado. Baiuca tiña previsto participar alí nun festival de música, pero o azar fixo que catro horas despois de aterrar no país africano estoupara un golpe de Estado e quedaran illados, sen posibilidade de regresar á casa.
En todo momento, os músicos quedaron baixo a protección do persoal da Embaixada de España en Khartum, segundo comunicaba nunha nota o representante do grupo. Finalmente, despois de cinco días de incerteza e nervios, conseguían atopar un voo, que tras 36 horas de viaxe e numerosos transbordos por fin os deixaba no aeroporto madrileño.
Na mesma nota os cinco compoñentes do grupo aseguran que viviran moitos momentos de incerteza diante do temor de que a situación se puidese prolongar durante semanas, aínda que nunca temeron pola súa seguridade. Por iso agradecen a familia e amigos, á propia embaixada e á súa discográfica os esforzos para que Baiuca estea na casa.
Estes días dedicaranse a descansar pero o vindeiro 11 de novembro volven á estrada, concretamente á sala Capitol en Compostela, na que esperan poder actuar diante dos seus seguidores xa sen restricións sanitarias.