Publicador de contidos
Publicador de contidos

Condenado a un ano e oito meses de prisión por afogar a cadela da súa exparella

Condenado a un ano e oito meses de prisión por afogar a cadela da súa exparella

A intención do home era predeterminada e "co fin de minguar a integridade e a vida" do animal

Aplícaselle a agravante de intentar "coaccionar, intimidar, acosar ou producir danos psíquicos" á muller, polo que terá que indemnizala con 5.000 euros

Os xulgados de Vigo, onde tivo lugar o xuízo/EP Os xulgados de Vigo, onde tivo lugar o xuízo/EP
G24.gal 15/01/2025 09:56

O Xulgado do Penal número 3 de Vigo condenou a un ano e oito meses de cárcere un home por afogar no caldeiro da fregona a cadela da súa parella. Os feitos foron a consecuencia dunha discusión e remataron coa morte do animal. 

A xuíza considera ao acusado responsable dun delito contra un animal doméstico, condenándoo a unha pena dun ano e oito meses en prisión. Ademais, o home terá tres anos e medio de inhabilitación especial para o exercicio da profesión, oficio ou comercio relacionado con animais ou a posesión dos mesmos. 

Segundo o recollido na sentenza, os feitos tiveron lugar na noite do 10 de xuño de 2023, cando o acusado foi recoller a súa parella por aquel entón ao traballo. Nun momento dado iniciouse unha discusión entre ambos, que continuou cando chegaron ao domicilio que compartían.

O home aproveitou que ela entrou no dormitorio para agarrar a cadela e afogala no caldeiro da fregona. Segundo afirma a sentenza, a intención do home era predeterminada e "co fin de minguar a integridade e a vida" do animal. A muller sorprendeuno no acto e intentou reanimar a cadela.

Mentres, o acusado díxolle a súa exparella que o animal xa era "un problema menos". No xuízo celebrado o pasado decembro, o acusado mantén que foi un accidente fortuíto ao enganchar o colar da cadela no caldeiro da fregona. Así e todo, o testemuño da muller e unha veciña desmonta esta versión.

Ao home aplícaselle a agravante de intentar "coaccionar, intimidar, acosar ou producir danos psíquicos" á súa parella, polo que terá que indemnizala con 5.000 euros polo prexuízo moral ocasionado, o valor do animal e os gastos da autopsia. Así e todo, a sentenza non é firme e pode ser recorrible na Audiencia Provincial de Pontevedra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade