A Casa do Chocolate de Parada de Sil é recoñecida como colección museográfica
A Casa do Chocolate de Parada de Sil é recoñecida como colección museográfica
Abriu as súas portas en 2015 e permite coñecer o proceso de elaboración artesanal do chocolate
Ademais da maquinaria, aínda en funcionamento, recolle documentación sobre a compra das materias primas, a distribución ou as estratexias de venda
Foi no anos 80 do século pasado cando a fábrica de chocolate de Teimende, en Parada de Sil, pechaba as súas portas. Tras elas, case un século de historia e diferentes xeracións que achegaron ata esta aldeas da Ribeira Sacra as materias primas necesarias para elaborar este prezado produto. O máis importante, o cacao. A súa compra estaba controlada polo Estado.
O tostado dos grans era o proceso máis delicado no que se recoñecía a valía do mestre chocolateiro. Diferentes máquinas, aínda en funcionamento, achégannos a un traballo artesán que, a pesar das dificultades para compra ou a distribución, sempre estivo vencellado a esta aldea da Ribeira Sacra.
Un legado, o da familia Casares e os seus chocolates Caldelas, que a Xunta acaba de recoñecer como colección museográfica. A súa entrada no rexistro galego de museos permitirá impulsar un proxecto que botou a andar xa no ano 2015 e chega a recibir ata un milleiro de visitas ao mes nos momentos máis álxidos.