Publicador de contidos
Publicador de contidos

Condenada a tres anos de prisión polos incendios que cercaron Verín en agosto de 2022

Condenada a tres anos de prisión polos incendios que cercaron Verín en agosto de 2022

Os dous incendios orixinados os días 3 e 4 de agosto de 2022 na zona de Verín causaron grande alarma tras queimar case un milleiro de hectáreas, en condicións climáticas extremas e chegando a unha vintena de focos

O Ministerio Público reclama 532.655,42 euros pola actuación dos servizos de extinción da Xunta

A condenada, de 53 anos de idade
G24.gal 13/01/2025 11:42

Unha operaria do servizo de limpeza municipal de Verín é condenada a tres anos de prisión polos incendios forestais que cercaron a localidade en agosto de 2022. Trátase dun dos xuízos máis importantes da sede xudicial na provincia de Ourense por mor do volume dos danos rexistrados e a superficie afectada.

A fiscal que levou o caso, Carmen Eiró, solicitaba para a acusada inicialmente seis anos de prisión por un delito continuado de incendio forestal e pedía para ela unha indemnización millonaria polos dous incendios que afectaron a naves industriais e leiras, ademais de poñer en alerta servizos básicos e ocasionar o desaloxo de numerosas vivendas.

Antes de celebrarse o xuízo, para o que a Audiencia Provincial de Ourense reservara seis días, todas as partes -Ministerio Público, Xunta, Estado e Defensa- chegaron a un acordo polo que se lle rebaixaba á acusada a condena. En total, tres anos de cárcere pola eximente de trastorno grave da personalidade que afecta a súa capacidade volitiva e alcolismo crónico.

Á saída do xulgado, a fiscal destacou o traballo realizado por todos os Corpos e Forzas de Seguridade que participaron na investigación daquela vaga de incendios e que permitiu deter a autora, de 53 anos de idade.

Durante a investigación, a muller ofreceu "explicacións pouco fiadas" con "versións exculpatorias" que por si soas non bastan para condenala, pero que se apoiaron en informes médicos e psiquiátricos que permitiron determinar o seu trastorno límite da personalidade e adicción ao alcol.

No que se refire á investigación, explicou que existía "proba indiciaria consistente" para unha condena, sustentada no baleirado dos móbiles, que a situaban nos lugares nos que se produciron os focos, ademais de declaracións testificais.

Os dous incendios orixinados os días 3 e 4 de agosto de 2022 na zona de Verín causaron grande alarma tras queimar case un milleiro de hectáreas, en condicións climáticas "extremas" e chegando a unha vintena de focos.

Segundo os informes que recolle a causa, a temperatura media esa xornada superou os 37 graos, o que, sumado á baixa humidade, provocou unha probabilidade de ignición do 70 %, con perigo alto e situación extrema, o que determinou a rápida propagación do lume. Foi necesario evacuar a persoas e poñer medidas de protección adicionais.

Polo momento, hai que esperar para coñecer a contía total que deberá pagar a acusada. O Ministerio Público reclama 532.655,42 euros pola actuación dos servizos de extinción da Xunta e pide que se indemnice ao goberno galego con algo máis de 600 euros polos danos ambientais e á Confederación Hidrográfica do Douro con 27.525,73 euros polos traballos realizados.

A isto haberá que sumar as reclamacións de aseguradoras e particulares, aínda non cuantificadas, e que viron afectados os seus bens, como maquinaria, naves, parcelas, construcións, árbores e aveños.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade