Investigan as causas dun incendio que causou importantes danos nunha vivenda de Paderne
Investigan as causas dun incendio que causou importantes danos nunha vivenda de Paderne
A pesar da aparatosidade do incendio non se rexistraron feridos
As lapas alarmaron os condutores que circulaban pola AP-9
A vivenda afectada está ao outro lado do peche, pero os donos non permitiron o acceso para que entrase a cámara da Televisión de Galicia a gravar. Trátase dunha casa de dous andares e construída en madeira.
Foron os propios donos os que, contra as oito e media do serán deste luns, alertaban o 112 do incendio que, á súa vez, mobilizou a Urxencias Sanitarias do 061 -de xeito preventivo-, os bombeiros de Betanzos, a Garda Civil e os voluntarios de Protección Civil de Paderne.
Cando chegaron aquí, todas as persoas xa estaban no exterior e sinalaron que no andar superior había almacenados colchóns e outros materiais de doada combustión.
As lapas eran tal que se vían desde a AP-9. De feito algúns condutores chamaron os servizos de urxencias alertando de que vían un incendio. Porén, malia a aparatosidade do lume non hai que lamentar danos persoais, pero si cuantiosos danos materiais e tamén importantes danos na estrutura da vivenda.