Graves incendios na provincia de Ourense cunha vítima mortal
Graves incendios na provincia de Ourense cunha vítima mortal
Nos últimos meses tiveron lugar na provincia de Ourense varios incendios con graves consecuencias tanto persoais, cunha vítima mortal e cun ferido, coma materiais
Nos últimos meses tiveron lugar na provincia de Ourense varios incendios con graves consecuencias tanto persoais, cunha vítima mortal e cun ferido, coma materiais. Varias vivendas quedaron totalmente calcinadas polas lapas, deixando os seus propietarios sen ningunha das súas pertenzas.
O incendio máis grave dos últimos meses en Ourense ocorreu no cuarto andar dun edificio na rúa Bierzo, na Noiteboa, onde morreu unha muller de avanzada idade que estaba soa. O lume orixinárase dentro do inmoble onde a vítima, con síndrome de Dióxenes, acumulaba gran cantidade de materiais.
Foi un veciño o que alertou os servizos de emerxencia de que a vivenda ardía e que non conseguían abrir a porta. Cando os bombeiros sufocaron finalmente as lapas, os profesionais sanitarios só puideron certificar a súa morte.
Noutro incendio á tarde do 24 de decembro, no lugar de San Pedro, en Macendo, no concello ourensán de Castrelo de Miño, un pai e os seus dous fillos, acabados de chegar de Venezuela, perderon nunhas horas o soño de toda unha vida. Ningún deles estaba no interior da casa cando se iniciou o incendio. Durante as tarefas de extinción, un membro do GES de Ribadavia tivo que ser trasladado a un centro sanitario con queimaduras no pescozo.
E o venres pola noite, as lapas arrasaron a casa dun home de 83 anos no núcleo de San Vitoiro, na parroquia ourensá de Ganade, en Xinzo de Limia. O propietario da casa tivo que ser atendido por sanitarios por inhalación de fume mentres tentaba sufocar as lapas coa axuda dos seu veciños, algo que foi imposible.
Os bombeiros conseguiron apagalo, pero aínda tiveron que volver o sábado pola mañá porque os rescaldos reavivaran o lume. O veciño quedou sen nada e tivo que ser axudado por unha sobriña que vive a dous quilómetros da súa vivenda.