O Lugo desperdicia en Lezama unha vantaxe de dous goles (2-2)
Martín Ochoa e Jon Ceberio adiantaron a un cadro lucense que non soubo parar a reacción do Athlétic B
O Lugo desperdiciou unha vantaxe de dous goles no campo de Lezama (2-2). Realizou un gran primeiro tempo e chegou ao descanso por diante no marcador grazas ao primeiro gol de Martín Ochoa neste campionato. Nada máis comezar o segundo tempo chegou o segundo. Fíxoo Jon Ceberio que entrou no tempo de descanso no lugar de Nico Reniero.
O filial do Athlétic non tiña nada que perder e comezou a emborcarse sobre a portería de Marcos Lavín. Un erro do gardameta permitiulle a Íker Varela reducir diferenzas no 58. A partir dese intre Lavín estivo moi atinado detendo cada un dos achegamentos bilbaínos. Pero no minuto 88 chegaría o definitivo empate grazas a un remate do defensa Jon de Luis.