O maxistrado conservador Macías será apartado de todos os recursos contra a lei de amnistía
O maxistrado conservador Macías será apartado de todos os recursos contra a lei de amnistía
O Tribunal Constitucional afrima que é unha medida para "garantir a imparcialidade"
Consíderase que Macías pode formar criterio sobre a norma xa que foi vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial entre 2015 e 2024
O Tribunal Constitucional aparta o maxistrado conservador José María Macías do debate dos case vinte recursos contra a lei de amnistía para "garantir a imparcialidade" do tribunal. A medida implantouse despois de tamén acordar que non podería intervir no que presentou o Tribunal Supremo contra a norma.
A decisión tomouse no último pleno do Tribunal Constitucional e contou coa maioría do bloque progresista e o rexeitamento dos conservadores. Consideran que Macías podería formar un criterio sobre a norma xa que foi vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) entre 2015 e 2024 ademais de participar en dous informes críticos contra a lei de amnistía.
Ademais, consideran que esta medida debería estenderse ao resto de recursos presentados contra a lei polo Partido Popular, o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña e diversas comunidades autónomas. Suman en total case unha vintena.
Despois de triunfar a recusación formulada contra Macías pola Fiscalía por mor da súa falta de imparcialidade, o maxistrado rexeitou afastarse do resto de recursos.
Así e todo, coa aprobación este mércores da sentenza, o Tribunal Constitucional obrígao a facelo ao considerar que incumpre o artigo 217 da Lei Orgánica do Poder Xudicial. Nela establécese que "o xuíz sobre quen concorra algunha das causas establecidas legalmente absterase do coñecemento do asunto sen esperar a que o recusen".
Segundo as fontes consultadas, o tribunal xa resolveu que Macías está incurso en causa de abstención para o resto de recursos. Ademais, lembran que existe unha infracción disciplinaria para os xuíces que debendo facelo non se absteñan.