O papa Francisco abre unha Porta Santa nun cárcere de Roma como símbolo de esperanza
O papa Francisco abre unha Porta Santa nun cárcere de Roma como símbolo de esperanza
Este é o primeiro ano santo ordinario do pontífice
As outras abriranse entre o 29 de decembro e o 5 de xaneiro de 2025
O papa Francisco abriu este xoves unha Porta Santa, con motivo do xubileu que se celebra cada 25 anos, no cárcere de Rebibbia, en Roma, como xesto simbólico para levar a esperanza a todas as persoas encarceradas.
Esta porta súmase ás catro tradicionais Portas Santas, a da basílica de San Pedro e as romanas San Xoán de Letrán, San Paulo Extramuros e Santa María a Maior, que os peregrinos poden atravesar durante o ano santo para obter a indulxencia, o perdón dos pecados.
"Quería que a segunda Porta Santa estivese aquí, nun cárcere. Quixen que cada un de nós, que estamos aquí dentro e fóra, teñamos a oportunidade de abrir de pau a pau as portas do noso corazón e comprender que a esperanza non defrauda", dixo o papa antes de atravesar a Porta Santa e entrar na capela do cárcere onde se celebraba a misa.
Estaban presentes na celebración, dentro da capela, uns trescentos reclusos e persoal da policía penal e, na súa plática, Francisco explicou que "a graza dun xubileu é abrir de pau a pau os corazóns á esperanza", e agregou que "a esperanza nunca decepciona".
Tamén pediu a todos que abran sempre a portas, "especialmente a porta do corazón" porque "cando está pechado vólvese duro como unha pedra. Esquécese da tenrura mesmo nas situacións máis difíciles".
"Deséxovos un gran xubileu, deséxovos tanta paz. Todos os días rezo por vós, de verdade. Penso en vós e rezo por vós", dixo aos presos.
O primeiro ano santo ordinario do papa Francisco comezou con este acto, aínda que xa instituíu un extraordinario en 2016 dedicado á misericordia, e rematará o 6 de xaneiro de 2026.
As outras Portas Santas de Roma abriranse o 29 de decembro en San Xoán de Letrán; o 1 de xaneiro en Santa María a Maior e o domingo 5 de xaneiro de 2025 en San Paulo Extramuros sen a presenza do papa.
Na tradición católica, o xubileu ou ano santo é un tempo dedicado "a consolidar a fe e a solidariedade", durante o cal a Igrexa concede indulxencias ou o perdón dos pecados a todos aqueles que fagan obras de caridade e atravesen algunhas das Portas Santas: en San Pedro ou nas outras basílicas romanas.