O papa Francisco morreu a causa dun ictus cerebral

O camarlengo do Vaticano foi o encargado de dar a noticia. O papa Francisco faleceu ás sete e 35 minutos da mañá na residencia de Santa Marta, onde vivía desde 2013.
A causa do falecemento comunicouse oficialmente pola tarde, tras ser certificada polos médicos e despois de facer o rito da constatación da morte.
Francisco morreu dun ictus cerebral que lle causou un coma e un fallo cardiocirculatorio irreversible, segundo informou o Vaticano no seu parte de defunción.
O documento, asinado polo director de Sanidade e Hixiene do Estado da Cidade do Vaticano, Andrea Arcangeli, certifica que a morte se produciu ás 7.35 horas locais (5.35 GMT) do 21 de abril no seu apartamento, a residencia vaticana Casa Santa Marta.
A defunción foi constatada mediante un electrocardiograma.
"Declaro que as causas da morte segundo a miña ciencia e conciencia son as indicadas", lese no boletín.
O estado de saúde do papa era moi delicado. Había menos dun mes que saíra do hospital, onde estivo 38 días ingresado por un problema pulmonar.
Desde aquela, e malia que lle mandaran repouso absoluto, apareceu en público en varias ocasións. A última, este domingo, na misa de Pascua, que non puido presidir.
Cun fío de voz, Francisco dirixiuse aos fieis desde o balcón da basílica de San Pedro.... e ofreceu a tradicional bendición urbi et orbi.
Ese mesmo día recibiu en Santa Marta o vicepresidente dos Estados Unidos, a súa última audiencia, un encontro de apenas uns minutos, moito máis curto do habitual.
O Xoves Santo, o papa acudiu, como fixo desde que chegou a Roma, a unha prisión da cidade para rezar cos presos. Pero xa non puido facer o rito do lavatorio de pés.
Alí falou tamén por última vez cos xornalistas. Cando lle preguntaron como estaba levando a Semana Santa, respondeu: "Como podo, vouna levando como podo" .
As campás da basílica de San Pedro anunciaron o pasamento do papa. Desde que se coñeceu a noticia, as campás de catedrais e igrexas de todo o mundo tocan a morto.
Na Praza de San Pedro congréganse milleiros de fieis para despedir o papa Francisco.
Selan os apartamentos pontificios
O apartamento do papa Francisco, tanto o da súa residencia na Casa Santa Marta como o do Palacio Apostólico foron selados, como manda a tradición, tras o seu falecemento.
O rito da selaxe lévase a cabo para que, tras a defunción, se garanta a seguridade de todos os documentos e pertenzas do papa falecido.
A selaxe fíxose cunha cinta vermella e un lacre de mesma cor nas portas do apartamento do Palacio Apostólico, que Francisco non usou xa que desde a súa elección en 2013 decidiu residir na máis animada residencia Casa Santa Marta.
Ao acto asistiron o cardeal estadounidense Kevin Joseph Farrell, o camarlengo que deberá dirixir a administración da Santa Sede durante este período de 'sede vacante', así como o secretario de Estado, Pietro Parolin, e o arcebispo venezolano Edgar Peña Parra, responsable de Asuntos Xerais da Secretaría de Estado da Santa Sede.
Despois, selouse a Casa Santa Marta co mesmo obxectivo.