O Rácing non é quen de manter a vantaxe no Alcoraz (3-1)
O equipo de Menéndez adiantouse no primeiro minuto nunha acción de Jáuregui, pero os oscenses remontaron
Soko, con dous goles, foi o heroe dun conxunto que rematou o partido no liderado
O Rácing segue sen reaccionar, e as xornadas van pasando. Logo de caer en Huesca contra o novo líder, os ferroláns teñen que gañar imperiosamente no partido adiado que disputan o mércores contra o Burgos para seguir soñando coa salvación.
O partido comezou de xeito inmellorable para os departamentais. So ían disputados 30 segundos de partido, cando o primeiro ataque dos galegos culminouno Jáuregui cun disparo desde a frontal que se estrlou no poste, nas costas de Dani Jiménez e acabou no fondo da rede.
O Huesca acusou o gol, e ademais acumulábanselles os problemas. Sielva e Javi Hernández deixaron o partido durante a primeira metade. Entre medias, o equipo foi medrando, e acabou empatando antes do descanso. Marcaba Kortajarena, cun violento remate pola escadra aos 23 minutos.
Tras o empate, o partido seguiu aberto. Os dous equipos chegaron con perigo. O Rácing gozaba dunha gran ocasión nunha cabezada de Perea que Dani Jiménez sacou sobre a mesma liña. Xusto a seguir, Soko recolleu un balón solto na área e non perdoou. A diferenza de pegada reflectíase no marcador. 2-1 a dez minutos para o descanso.
O Rácing refíxose, e deu unha boa imaxe ata o descanso. Pero o seu bo encontro saltou polos aires no minuto 50 cando, outra vez Sonko, ampliaba a diferenza cun 3-1 que deixou noqueado ao conxunto galego. O Rácing non foi quen de inquedar no resto do encontro, destacando un centro de Dorrio desde a esquerda que se envelenou e bateu no traveseiro. O marcador xa non se moveu, seguindo o Rácing nunha situación moi delicada, a once puntos da salvación. O Huesca rematou o encontro no máis alto da táboa, con 51 puntos.