O Rácing traslada a serie triunfal á Copa do Rei

Derrotou o Leganés cun gol de Nacho Sánchez

Xogará na terceira eliminatoria contra un equipo de Primeira División como local na Malata

G24.gal 07/12/2023 22:01

O Rácing de Ferrol continúa a súa marcha triunfal desta temporada. Na Liga todo marcha sobre rodas e na Copa o equipo accedeu á terceira eliminatoria, algo que non conseguía desde o ano 1994, despois de derrotar por 1-0 o Leganés. 

Non foi un partido con moitas ocasións. Os dous equipos dosificaron xogadores importantes pensando na competición ligueira e foi o Rácing o que gozou das dúas mellores opcións no primeiro tempo. Héber era un puñal pola esquerda e asistiu a Nacho Sánchez e Álex López que non aproveitaron os seus centros. 

O propio Héber sería o encargado de poñer a asistencia do gol no minuto 56. Desta volta non perdoou Nacho Sánchez que marcaba o gol que daría o pase de rolda. O Leganés arriscou a partir do tanto e o Rácing tamén puido sentenciar á contra, sobre todo nun man a man de Carlos Vicente. 

Non se moveu o marcador e os de Cristóbal festexan un novo éxito que será en forma de rival de Primeira División na terceira eliminatoria. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos