Publicador de contidos
Publicador de contidos

O silledense Joselu vístese de heroe para meter o Real Madrid na final da Champions

O silledense Joselu vístese de heroe para meter o Real Madrid na final da Champions

Entrou no partido no minuto 81 con case todo perdido (0-1) e marcou dous goles nos últimos minutos do encontro

G24.gal 08/05/2024 22:34 Última actualización 08/05/2024 22:53

O silledense Joselu Mato vestiuse de heroe do Real Madrid para metelo na final da Liga de Campións. Entrou no minuto 81 cando o seu equipo perdía e estaba eliminado. Logrou o gol do empate no 87 e marcou o da vitoria no 91 na enésima remonta incrible dos brancos no Santiago Bernabeu. 

Ata ese intre o gran protagonista do partido fora o porteiro do Bayern Manuel Neuer. O Real Madrid gozou de innumerables oportunidades pero Vinicius, Rodrygo, Valverde, Bellingham... Todos se atoparon no camiño co xigante alemán. 

No minuto 68 o Bayern lanzou unha contra rapidísima e Alphonso Davies definiu dun xeito extraordinario. Logo do empate da ida o equipo bávaro tiña a eliminatoria na man. O Real Madrid conseguiu marcar o gol do empate pouco despois do tanto de Davies. A xogada foi revisada polo VAR e o colexiado decidiu anulalo por unha falta anterior de Nacho. 

Parecía todo perdido pero no minuto 87 Joselu amosou as súas virtudes de rematador aproveitando o único erro en todo o encontro de Neuer. A prórroga parecía a opción máis factible pero o Real Madrid colleu a onda asoballadora e no 91 o dianteiro galego volvía a rematar un centro de Rudiger.

Aínda tivo unha última o Bayern no último minuto do engadido cun gol anulado a De Ligt por fóra de xogo. Foi con suspense, con revisións de VAR incluídas, pero grazas a un de Silleda o Real Madrid estará na final da Champions. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos