O Real Madrid resolve a final da Liga ACB pola vía rápida
O Real Madrid resolve a final da Liga ACB pola vía rápida
Gañou o terceiro partido da serie en Murcia (73-84) e recuperou o título que perdera o ano pasado
O Real Madrid recuperou o trono da Liga ACB despois de gañar o terceiro partido da serie (73-84) ante UCAM Murcia e resolver a final pola vía rápida.
Os murcianos, gran sorpresa no play off, fixeron vinte e cinco minutos de primeiro nivel en que soñaron con levar a serie a un cuarto partido. No primeiro cuarto gañaban por 19-17 e ao descanso dominaban por 40-32. O Real Madrid estaba contra as cordas e mediado o terceiro cuarto perdía por nove puntos (51-42).
Ese foi o intre en que cambiou o partido porque o Real Madrid encadeou un parcial de 2-16 (53-58) e xa non soltaría a vantaxe. O parcial no terceiro cuarto foi de 16-34 (56-66) con Hezonja, Musa e Campazzo (30 puntos entre os tres) machacando o aro local.
O UCAM tentou meterse no partido (64-69), pero a experiencia do Real Madrid permitiulle manter a calma nos momentos de máis presión do equipo local para levar o encontro por 73-84. Despois do título gañado polo Barcelona o ano pasado, o Real Madrid volve festexar un título da ACB e mantense como o equipo máis laureado, con 37 campionatos.