Publicador de contidos
Publicador de contidos

O reconto provisional do voto CERA non altera o resultado do 18F

O reconto provisional do voto CERA non altera o resultado do 18F

Ourense era a única circunscrición en que podía variar a repartición de escanos

O PSOE quedou a 70 votos de obter un deputado máis

G24.gal 26/02/2024 18:54 Última actualización 26/02/2024 20:36

O reconto do voto emigrante xa finalizou na provincia de Ourense e, aínda que era a única en que podería variar un escano, confírmase que a repartición de actas se manterá en idénticos termos á noite electoral.

O PPdeG contará cunha maioría absoluta de 40 deputados no Pazo do Hórreo, fronte a 25 do BNG, nove do PSdeG e un de Democracia Ourensana. En concreto, aínda que o PSdeG tiña expectativas de arrebatar un escano ben ao PPdeG, be ao BNG, concluído o escrutinio dos residentes ausentes ratifícase que os populares conservan os oito representantes que obtiveron na noite electoral, e o BNG as súas catro actas, mentres que PSdeG e DO seguirán cun escano en cada un dos casos.

Dos 29.300 sufraxios que chegaron á comunidade autónoma, a Xunta Electoral confirmou no seu día que uns 6.150 o fixeron con destino a Ourense, aínda que, revisada a documentación, a acta deste luns, a que tivo acceso Europa Press, sitúa o número efectivo de votantes por baixo dos 5.000.

O PSdeG, a 70 votos do segundo escano

Os socialistas estaban pendentes de que se resolvese unha reclamación formulada en relación a un "erro de cómputo" da noite electoral en Vilamartín de Valdeorras, onde mantiñan que non se contabilizaron 30 votos ao PSdeG. Estes votos non foron contabilizados finalmente para os socialistas, polo que, tras o reconto do CERA e resolta esta reclamación, o cambio de escano queda a 70 sufraxios.

Resultados do CERA no resto de provincias

Na provincia da Coruña, do total de 164.851 electores do CERA, votaron un total de 8.233 persoas. Foron nulos 80 votos, e 77 en branco. O PP é a formación que máis apoios obtén, cun total de 3.832, seguida polo PSOE, con 1.528 votos, e polos socialistas, con 1.295. Por detrás sitúase Vox, con 528 sufraxios, Sumar, con 347, Podemos, con 226, e Pacma, con 207. Outras como Por un Mundo Máis Xusto logran 41 papeletas, Espazo Común Galeguista, 35, e Escanos en Branco 27.

Na de Pontevedra, do total de 138.197 electores, votaron 7.466 persoas. Delas, 94 optaron por un voto nulo e 84 por un voto en branco. O partido máis apoiado, cun total de 3.609 papeletas, tamén foi o PP, seguido polo BNG, con 1.227. En terceiro lugar sitúase o PSdeG, con 1.157 apoios. Pola súa banda, Vox obtén 516 votos, Sumar, 281, Podemos, 207, e Pacma 194. Ademais, Por un Mundo Máis Xusto logra 51 apoios, Espazo Común Galeguista, 27, e Escanos en Branco 19.

Por último, na de Lugo, dun total de 69.660 persoas censadas, só votaron 2.714 persoas. Rexistráronse 24 votos nulos e 31 en branco. Do mesmo xeito que nas outras tres provincias galegas, o PP é o partido máis votado, con 1.320 sufraxios. Por detrás sitúase o PSdeG, con 558 apoios, e o BNG, con 365. Vox é a cuarta forza máis votada, 169 papeletas. Ademais, Sumar obtén 86 votos, Podemos, 58, Pacma, 50, Por un Mundo Máis Xusto, 29, Escanos en Branco, 15, e Espazo Común Galeguista 9.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade