Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia comeza a súa XII Lexislatura coa constitución do novo Parlamento

Galicia comeza a súa XII Lexislatura coa constitución do novo Parlamento

Rueda mantén a Santalices como presidente da Cámara e a Candia como vicepresidenta primeira

Ethel Vázquez incorpórase ao órgano reitor do Parlamento e deixa o Goberno da Xunta

Ao BNG correspóndenlle dous postos na Mesa e ningún aos socialistas, unha situación inédita 

G24.gal 17/03/2024 22:45 Última actualización 17/03/2024 22:55

O Parlamento galego celebra este luns, a partir das 11:00 horas, a sesión constitutiva tras as eleccións do pasado 18 de febreiro. Deste xeito, bota a andar a XII Lexislatura.

Nos comicios, o PP logrou de novo a maioría absoluta, o BNG consolidouse como líder da oposición, o PSdeG caeu a mínimos históricos e a formación Democracia Ourensana conseguiu un escano.

Cómoda maioría

A formación do presidente da Xunta en funcións Alfonso Rueda obtivo 40 deputados con máis do 47 % dos votos, o cal lle garante unha estabilidade parlamentaria durante a súa primeira maioría absoluta.

Miguel Santalices continuará como presidente do Parlamento, cargo que ocupa desde xaneiro de 2016. Elena Candia seguirá de vicepresidenta primeira e, como novidade, incorpórase a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións Ethel Vázquez, que abandona o Goberno da Xunta.

Nova relación de forzas

Os resultados electorais deixan unha relación de forzas na oposición inaudita ata o de agora no Parlamento autonómico, co BNG como segunda forza cun terzo dos escanos (25) e o PSdeG en mínimos históricos, con tan só nove parlamentarios.

Deste xeito, ao BNG correspóndenlle dous postos na Mesa do Parlamento e ningún aos socialistas, unha situación inédita ata o de agora.

Socialistas e nacionalistas cogobernan en moitos lugares de Galicia e a súa unión, dun ou doutro xeito, será inevitable para tentar acceder ao Goberno galego no futuro no caso de que lles dean os números.

José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á Xunta, que será de novo líder dos socialistas o próximo mes, pediu que a Mesa reflicta a "pluralidade" da Cámara.

Ana Pontón, a líder do BNG, dixo que serán os órganos de dirección do partido os que decidan se ceden ese posto na Mesa. Así e todo, considera que a correlación de forzas tras os resultados electorais abren unha etapa distinta a épocas anteriores.

Democracia Ourensana

A formación de corte populista do alcalde de Ourense Gonzalo Pérez Jácome estréase na Cámara autonómica cun deputado, Armando Ojea.

O partido fará escoitar a súa voz no Parlamento por vez primeira, aínda que o seu único voto non será decisivo, algo ao que aspiraba antes das eleccións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade