Publicador de contidos
Publicador de contidos

O 97 % da xente que votou en Galicia o 18F seguirían votando o mesmo partido

O 97 % da xente que votou en Galicia o 18F seguirían votando o mesmo partido

Nove de cada dez enquisados (90,9 %) aseguran que durante a campaña non cambiaron a súa decisión de votar por algún dos partidos que se presentaban aos comicios

G24.gal 20/03/2024 14:04

O 97 % de quen votou en Galicia o pasado 18 de febreiro seguirían votando o mesmo partido ou coalición, tan só o 2 % cambiarían o seu voto unha vez coñecido o resultado e o 8,9 % dos que non votaron si que iría votar tras coñecer o resultado.

Así se desprende do avance provisional de resultados do estudo 'Postelectoral de Galicia. Eleccións autonómicas 2024' divulgado este mércores polo Centro de Investigacións Sociolóxicas que foi realizado entre o 6 e o 9 de marzo mediante 4.077 entrevistas telefónicas.

O PP logrou neses comicios a maioría absoluta co 47,4 % dos votos, seguido polo BNG co 31,57 %; o PSdeG, 14,03 %, e Democracia Ourensana, o 1,03 % do total, aínda que conseguiu o 8,8 % nesa provincia, que lle valeu un escano.

Segundo a percepción dos enquisados, o tema máis debatido na campaña electoral galega foi a lei de amnistía (11 %), seguida pola sanidade (8,4 %) e o medio ambiente, en concreto os pellets (6,8 %). Nove de cada dez enquisados (90,9 %) aseguran que durante a campaña non cambiaron a súa decisión de votar por algún dos partidos que se presentaban aos comicios e dous de cada tres (69,6 %) xa tiñan decidido antes do inicio da campaña o partido polo que ían votar.

Segundo a información divulgada polo instituto que dirixe José Félix Tezanos, o 89,7 % dos enquisados votaron o pasado 18F, dos cales o 36,7 % din facelo polo PP; o 32,4 %, polo BNG, e o 13,4 %, polo PSdeG. Entre as razóns para votar a formación elixida, os enquisados sinalan en primeiro lugar que é a que mellor representa as súas ideas (31,5 %); en segundo lugar, ven ese partido como o máis capacitado (19,4 %) e, en terceiro lugar, argumentan a necesidade dun cambio como motivo para decantar o seu voto (16,7 %).

O estudo do CIS indica tamén que máis da metade dos votantes (56,1 %) vota sempre ou xeralmente o mesmo partido e que tan só o 11,1 % de quen votou dubidaron entre dúas formacións. De quen dubidou, un de cada tres fíxoo entre decantarse polo BNG ou o PSdeG.

O 71,8 % dos enquisados sinalan que tiveron coñecemento dalgunha das enquisas publicadas durante a campaña electoral, aínda que para o 85,9 % influíulles pouco ou nada á hora de decidir o seu voto.

Para informarse durante a campaña electoral, os votantes galegos elixiron a televisión en primeiro lugar (40 %), seguida pola prensa dixital (19,6 %) e as redes sociais (12,2 %); mentres que a radio foi elixida polo 9,8 % e a prensa escrita, polo 8,4 % dos enquisados. Ademais, un 5,9 % declaran que a súa información durante a campaña foi mediante a asistencia a mitins.

Das persoas enquisadas, o 84 % sinalan que tamén votaron nas eleccións autonómicas de hai catro anos, unha porcentaxe que chega ao 89,7 % cando contestan se votaron nos comicios xerais do 23 de xullo pasado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade