Publicador de contidos
Publicador de contidos

O último CIS outorga ao PSOE unha vantaxe de 3,8 puntos sobre o PP, que acurta distancias respecto ao mes pasado

O último CIS outorga ao PSOE unha vantaxe de 3,8 puntos sobre o PP, que acurta distancias respecto ao mes pasado

En canto á imaxe dos dirixentes, esta segue baixo mínimos, sen que ningún chegue a aprobar

Sánchez e Feijóo durante un encontro na Moncloa (EFE/Sergio Pérez) Sánchez e Feijóo durante un encontro na Moncloa (EFE/Sergio Pérez)
G24.gal 19/12/2024 13:39

O último barómetro do ano do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) segue dando vantaxe ao PSOE en estimación de voto, neste caso de 3,8 puntos sobre o PP, aínda que os populares acurtan máis dun punto a distancia que lles separaba o mes pasado dos socialistas.

A mostraxe, a partir de 4.621 entrevistas entre o 2 e o 9 de decembro pasados revela unha caída de 2 puntos no apoio ao PSOE, ata o 32,2 por cento, e de 0,9 no respaldo electoral do PP, que queda co 28,4 por cento, tendo en conta a tormenta política e xudicial e o ambiente de gran inestabilidade parlamentaria que está a sufrir o país.

Segundo o CIS, tras os dous grandes partidos sitúase Vox en terceiro lugar co 12,2 por cento (0,4 puntos arriba), a coalición Sumar mantense cuarta posición ao repetir o seu 7 por cento e Podemos sobe 0,7 puntos e sitúase no 4,1 por cento.

A formación de Luis Pérez 'Alvise', Se Acabó la Fiesta, segue o seu ascenso e nun mes gaña 8 décimas, ata acadar o 2,8 por cento do voto estimado; Junts perde medio punto e descende ao 1,2 por cento dos votos, en tanto que ERC gaña dúas décimas ata o 1,7.

Recupérase o PNV, que en novembro logrou un respaldo do 0,8 por cento e agora recolle un 1,2, seguido de EH-Bildu, cunha décima máis ata o 1,1 por cento, e co BNG lixeiramente á alza ata cultivar o 0,9 por cento.

Os datos do instituto demoscópico público apuntan a un xiro na tendencia de voto detectada ao longo do ano 2024, xa que, segundo o CIS en decembro de 2023, o PP gañaba ao PSOE por 1,4 puntos e agora son os socialistas quen vencería aos populares nuns comicios.

Opinión sobre os líderes políticos

En canto á imaxe dos dirixentes, esta segue baixo mínimos con lixeiras variacións á alza, sen que ningún chegue a aprobar.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, logra unha nota media de 4 puntos, seguido da fundadora de Sumar e vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, que lle pisa os talóns con 3,92 puntos, e do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, puntuado con 3,64; pecha o grupo o presidente de Vox, Santiago Abascal, que obtén 2,87 puntos.

Para os consultados polo CIS, Pedro Sánchez é o preferido para presidir o Goberno a xuízo do 42 por cento, en tanto que Feijóo o é só para o 18,3, malia que, nesta ocasión, o barómetro de decembro non inclúe as habituais preguntas sobre a confianza que espertan nos cidadáns os dous principais líderes políticos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade