Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PSOE amplía a súa distancia a 5,3 puntos do PP no último barómetro do CIS

O PSOE amplía a súa distancia a 5,3 puntos do PP no último barómetro do CIS

O PSOE gañaría unhas hipotéticas eleccións xerais co 33,4 por cento dos votos, fronte ao 28,1 por cento do PP

Pedro Sánchez segue sendo o preferido como presidente do Goberno, xa que o apoia o 23,7 por cento, seguido a distancia polo líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, ao que prefire un 9,9 por cento

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez (Eduardo Parra/EP) O presidente do Goberno, Pedro Sánchez (Eduardo Parra/EP)
G24.gal 13/02/2025 13:14

O PSOE gañaría unhas hipotéticas eleccións xerais co 33,4 por cento dos votos, fronte ao 28,1 por cento do PP, o que amplía a 5,3 puntos a distancia entre ambos os partidos, segundo o último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). A enquisa foi realizada entre o 31 de xaneiro e o 6 de febreiro, poucos días despois do regreso de Donald Trump á Casa Branca e cando o Goberno salvara, grazas a un acordo con Junts, parte o decreto ómnibus que rexeitara o Congreso cos votos de populares e independentistas cataláns.

O ascenso dos socialistas débese a que gañan 1,6 puntos en voto estimado respecto ao anterior barómetro de xaneiro, os mesmos que deixa o PP, á vez que Vox sobe case un punto (0,9) entre as dúas enquisas e obtén o 13,3 por cento dos sufraxios. Nas forzas á esquerda do PSOE, Podemos é quen saca máis rédito nesta nova mostraxe, ao subir medio punto ata o 4,4 por cento dos votos, recortando a súa distancia con Sumar, que aguanta a súa anterior porcentaxe co 6,4 por cento (unha décima máis).

Baixa significativamente a estimación de voto de Se Acabó La Fiesta, a formación de Luis Pérez, Alvise, con 0,8 puntos menos, ao pasar ao 1,6 por cento. Os republicanos de ERC perden tres décimas, ata o 1,6 por cento, mentres Junts cae unha e sitúase no 1,3 por cento. EH-Bildu sobe unha décima e logra o 1,3 e o PNV mantense no 1 por cento de voto estimado, en tanto que o BNG sofre unha caída de seis décimas e colleita só o 0,8 por cento neste barómetro. Coalición Canaria chega ao 0,3 e UPN conserva o 0,1 por cento.

Ningún líder aproba

O líder socialista, Pedro Sánchez, segue sendo o preferido como presidente do Goberno e por máis españois que hai un mes, xa que o apoia o 23,7 por cento (2,1 puntos máis que en xaneiro), seguido a distancia polo líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, ao que prefire un 9,9 por cento (dúas décimas menos).

A nota que obteñen os principais dirixentes políticos segue sendo baixa na avaliación cidadá, moi lonxe do aprobado e con porcentaxes similares aos da anterior enquisa do CIS. Pedro Sánchez obtén unha media de 4,13 puntos, seguido da vicepresidenta segunda Yolanda Díaz, con 3,96, con Feijóo en terceira posición (3,61 puntos) e o presidente de Vox, Santiago Abascal, en cuarta e última posición con 2,85 puntos.

A vivenda, principal problema

A vivenda segue encabezando a listaxe dos principais problemas o país, co 34,1 por cento seguido da crise e os problemas económicos (20 por cento) e o paro (20). En cuarto lugar sitúase o Goberno e partidos políticos (17,1 por cento), seguidos dos problemas políticos (17), a inmigración (16,5) e a calidade do emprego (16,3).

Cando o CIS pregunta polos problemas que máis afectan persoalmente o enquisado, a orde varía un pouco: a crise e os problemas económicos sitúanse na cabeza (30,1 por cento), seguidos da vivenda (22,2), a sanidade (19,4), a calidade do emprego (17,9), o paro (11,4) e a falta de apoio e oportunidades da mocidade (8,5). De novo son moitos máis os enquisados que consideran que a súa situación económica persoal é boa ou moi boa (62,5 por cento) que quen destaca a boa situación económica xeral de España (37,1).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade