Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Supremo desestima o recurso contra a elección da Coruña como sede da AESIA

O Supremo desestima o recurso contra a elección da Coruña como sede da AESIA

O Concello de Granada, unha das cidades que optaba a acoller o organismo, presentara un recurso ante o Alto Tribunal contra a designación por parte do Consello de Ministros

O Tribunal Supremo establece que "non se lesionou o principio de obxectividade", xa que "non é un concurso", senón un "acto discrecional motivado do Consello de Ministros"

A Terraza da Coruña é a sede elixida para a Aesia A Terraza da Coruña é a sede elixida para a Aesia
G24.gal 18/12/2023 13:45 Última actualización 18/12/2023 14:08

A Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo desestimou o recurso do Concello de Granada contra o Acordo do Consello de Ministros, do 5 de decembro de 2022, polo que se determina A Coruña como sede física da futura Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA).

O Supremo sinala que a decisión final motivada desta selección incumbe o Consello de Ministros, que elixiu unha das tres candidaturas que se cualificaron pola Comisión Consultiva correspondente como "de excelencia", Alacant, Granada e A Coruña.

Di o Alto Tribunal que o Goberno explicitou as razóns da decisión mediante a correspondente motivación, polo que non se lesionou o principio de obxectividade baixo o que debe realizar a súa actividade a Administración pública.

A resolución explica que "non é un concurso no que se adxudica a sede á cidade candidata que alcanza unha maior puntuación" senón "ante un acto discrecional motivado do Consello de Ministros"

A AESIA conta desde agosto cuns estatutos que rexerán o seu funcionamento cando bote a andar na sede prevista, no edificio A Terraza da Coruña. Estes estatutos están enmarcados na Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial (ENIA), que "ten como obxectivo proporcionar un marco de referencia para o desenvolvemento dunha Intelixencia Artificial inclusiva, sostible e centrada na cidadanía".

A AESIA debería estar nestes momentos contando os días que quedan para a súa posta en marcha, xa que o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a primeiros de setembro que nun prazo máximo de tres meses debería estar en funcionamento. Porén, polo momento non hai confirmación oficial sobre a súa apertura.

Cando iso ocorra, España vaise converter así no primeiro país europeo en ter un órgano destas características e anticípase á entrada en vigor do Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial.

A axencia será clave para xestionar e liderar un ecosistema español de intelixencia artificial responsable, grazas á supervisión de forma voluntaria ata a entrada en vigor da normativa europea a través de selos de calidade e responsabilidade.

Ademais, encargarase de xerar contornas de proba reguladas que permitan poñer en marcha innovadores e desenvolvedores de sistemas de intelixencia artificial de alto risco ou de propósito xeral de maneira responsable, conforme o real decreto que a regula.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade