O Supremo do Brasil reactiva X tras pagar a rede social unha multa
O Supremo do Brasil reactiva X tras pagar a rede social unha multa
Musk recuou e finalmente acepta eliminar perfís falsos e cumprir coa lexislación brasileira
A Corte Suprema do Brasil autorizou este martes o desbloqueo "inmediato" da rede social X, despois de que a plataforma pagara unha multa de 28,6 millóns de reais (4,7 millóns de euros) e aceptase cumprir as resolucións xudiciais.
O maxistrado Alexandre de Moraes, responsable do caso, pediu á Axencia Nacional de Telecomunicacións que tome as medidas necesarias para restablecer o servizo de X, suspendido desde o 31 de agosto, informou o tribunal nun comunicado.
De Moraes destacou que o desbloqueo está "condicionado" ao "cumprimento integral" por parte da rede social da lexislación brasileira e á "absoluta observancia" das decisións xudiciais sobre a eliminación de perfís acusados de difundir noticias falsas.
Pouco antes do anuncio do maxistrado, a Fiscalía Xeral da República mostrouse favorable ao restablecemento de X, propiedade do magnate Elon Musk, ao non percibir "asuntos pendentes" que impedisen o regreso da plataforma.
Musk negouse durante semanas a cumprir as ordes de eliminar perfís e, tras recibir un ultimato por parte de De Moraes, anunciou que pechaba a oficina da rede social en Brasil e que prescindía da representación legal no país, a pesar das esixencias da lei brasileira.
Ademais, acusou a De Moraes de ser un "ditador con toga" que ameazaba a liberdade de expresión, e uniuse aos pedidos do expresidente ultradereitista Jair Bolsonaro de iniciar un proceso de destitución contra o maxistrado.
Con todo, a finais de setembro o magnate deu marcha atrás nas súas provocacións, nomeou novamente representantes legais no país e se avino a cumprir as ordes xudiciais sobre a eliminación de perfís.
O presidente de Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, tamén chamou a Musk a acatar as resolucións dos tribunais se quería seguir operando no país.