A parella ferida no incendio dunha casa en Cuntis segue no hospital en estado grave
A parella ferida no incendio dunha casa en Cuntis segue no hospital en estado grave
A filla de ambos os dous, un bebé de poucos días, saíu ilesa
O lume comezou na cociña e puido deberse á explosión dun radiador
Os dous feridos no incendio dunha casa do concello de Cuntis seguen ingresados na Unidade de Queimados do Hospital Universitario da Coruña, a onde foron trasladados o sábado pola tarde.
Segundo o último parte médico do mediodía do domingo, presentan queimaduras de segundo e terceiro grao e o seu estado é grave. O incendio comezou na cociña e puido deberse á explosión dun radiador eléctrico.
"Segundo a nai del, só lle dixo que estaba prendendo unha cociña de ferro e que empezou a arder. A cociña está irrecoñecible, ardeu todo. Eles quixérono apagar e prendeu o lume neles. Están moi queimados", explica unha amiga da familia.
Os dous feridos son parella, un home de 35 anos e unha muller de 30. A súa filla, que nacera hai só dez días, non quedou ferida, xa que estaba noutro cuarto da vivenda que non se viu afectado polo lume.
Con todo, trasladárona ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago para sometela a observación médica por unha posible inhalación de fume.