Os taxistas plantan cara ás aseguradoras cun paro o mércores 29 de xaneiro
Os taxistas plantan cara ás aseguradoras cun paro o mércores 29 de xaneiro
Haberá un paro parcial do servizo para protestar pola suba das pólizas
Non haberá servizo de taxi entre as 11:00 e as 14:00 horas
O vindeiro mércores 29, os taxistas de toda España van parar en sinal de protesta pola suba do prezo das pólizas de seguros, que ven abusivas. O paro deixará todas as cidades sen servizo de taxi entre as 11 da mañá e as 2 da tarde.
"Somos un servizo público de interese xeral e non nos quedará outro remedio que non saír traballar porque non atopamos compañías aseguradoras que asuman os riscos da nosa profesión", afirma Ricardo Villamizar, presidente da Federación Galega do Taxi.
"Hai dous anos rompéronme esta ventá e por dar o parte, despois de estar 10 anos con eles tendo taxis alí, pois botáronme do seguro", apunta outro taxista.
Esta é a realidade que viven día a día o gremio dos taxistas, acentuada nos dous últimos anos. Denuncian que as pólizas teñen prezos abusivos.
"Fáloche de pasar de pagar entre 1.500 e 2.000 euros un seguro a todo risco cunha franquía de 300 euros a pedirche 6.000 ou 7.000 euros", explica Antonio Vázquez, vicepresidente da Unión de Taxis Galegos.
Quéixanse de que non atopan quen os asegure. Sobre todo no caso dos estranxeiros, que son os que atopan máis dificultades.
Se as compañías non atenden, non lles queda outra que acudir ao Consorcio de Compensación de Seguros. "Estannos facendo seguros de 4.000 euros cunha póliza tan simple como que non ten nin asistencia en estrada", conta Antonio Vázquez
Temen cada vez que se achega o momento da renovación da póliza. "Agora tiven un problema e xa non quixen dar parte porque senón vanme botar, pagueino eu do meu peto", di Antonio.
As compañías aseguradoras alegan unha alta sinistralidade e eles din que son casos puntuais.
"O que non pode ser é que alguén que nunca nuns anos dá un parte e que de repente che digan que che soben unha barbaridade ou que che botan da compañía", continúa Antonio.
E por tanto non nos queda outra que unirnos ao paro nacional que será o día 29", conclúe Ricardo Villamizar.
Será un paro parcial entre as 11 e as 2 da tarde con concentracións en todas as cidades do país aínda que a principal será en Madrid. Acudirán moitos taxistas galegos.