Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os traballadores de Vitrasa aceptan a oferta da empresa e apostan por desconvocar a folga

Os traballadores de Vitrasa aceptan a oferta da empresa e apostan por desconvocar a folga

Vitrasa propuxo aos seus traballadores unha subida salarial do 3 % desde xaneiro de 2023 e aceptar outras reivindicacións dos empregados

G24.gal 08/03/2024 19:12

Os traballadores da concesionaria do autobús urbano de Vigo, Vitrasa, votaron a favor de aceptar a oferta que lles puxo encima da mesa a compañía de transporte e desconvocar a folga indefinida que comezou hai máis de 100 días, o 25 de novembro.

Despois de que Vitrasa dese por rotas as negociacións co comité de empresa tras seis reunións coa mediación da Xunta a través do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais para a Solución de Conflitos de Traballo (AGA), os representantes dos empregados decidiron que fosen eles quen decidise o rumbo.

Na consulta había catro propostas e a maioría optou por deixar a folga e aceptar a oferta da empresa, opción que apoiaron 158 persoas.

A favor de continuar a folga pronunciáronse 23 traballadores, 32 apoiaron deixar a folga e facer paros parciais, 3 decantáronse por parar a cambio de nada e 2 votaron en branco, informaron os sindicatos.

A votación efectuouse no local social da parroquia do Cristo da Victoria, no barrio de Coia.

Antes de romper as negociacións, Vitrasa propuxo aos seus traballadores unha subida salarial do 3 % desde xaneiro de 2023 que se consolida en 2024 e a aceptar reivindicacións dos empregados como "mellorar o calendario de vacacións, un complemento de nocturnidade de taller e maior flexibilidade nos cambios de quendas e descansos entre traballadores, ademais dun pago de 500 euros" a cada un deles.

Con esa oferta, a compañía de transporte tratara de convencer ao comité para que desconvocase a folga e seguir, "nun clima de normalidade", a negociación do convenio que expirou en 2020.

Nestes máis de tres meses de folga indefinida, Vitrasa queixouse de que, nunha votación anterior, os traballadores tivesen que pronunciarse a man alzada, algo que non sucedeu esta vez, xa que os votos depositáronse en urna. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade