Publicador de contidos
Publicador de contidos

A rabia dos agricultores europeos estoupa en Bruxelas

Antón Montero 01/02/2024 09:39 Última actualización 01/02/2024 20:00

A ira dos traballadores do campo chega ao corazón de Europa. 1.300 tractores bloquearon o centro de Bruxelas, a cidade da que emanan unhas normas medioambientais e sanitarias que os agricultores tachan de asfixiantes e que non rexen para os produtos extracomunitarios.

"Contaminan máis ca nós, usan esteroides, hormonas, transxénicos, e nós non podemos", queixábase un agricultor belga.

Non por casualidade, as protestas concentráronse ás portas do Europarlamento e a cinco meses de que se renoven os seus escanos. "Non podemos estar cinco anos aguantando máis leis e sen poder competir coas mesmas armas que terceiros países", contaba un agricultor español.

Non é a Europa que queremos, rezaba a pancarta dos agricultores italianos, que resumían as súa demandas, nuns "ingresos dignos", en plena suba dos custos dos fertilizantes e da enerxía.

Os berros e as consignas pronto derivaron en fogueiras, lanzamento de ovos, foguetes ou valados, e mesmo o derrubamento dalgunha estatua do barrio europeo. A policía respondeu con canóns de auga e gases lacrimóxenos.

Máis de 6.000 agricultores acudiron á convocatoria. Pidenlle á Comisión un plan de choque de axudas directas e a suspensión das negociacións comerciais con Mercosur.

A presidenta von der Leyen di que son senibles ás súas demandas e anunciou un plan para alivialos de cargas burocráticas. Está por ver se é abondo para parar unhas mobilizacións que ameazan con sucederse de aquí aos comicios europeos de xuño.

Nun intento por acougar os ánimos dos agricultores e a poucos meses das eleccións europeas de xuño, a Comisión Europea ofreceu o mércores aprazar un ano a obrigación para os agricultores de reservar unha parte das terras de cultivo a poula para recibir parte dos apoios da política agraria común (PAC). Para poder acollerse a esta flexibilidade, con todo, os produtores deberán reservar unha parte das súas terras a outros cultivos beneficiosos para a saúde do chan.

O campo español mobilízase

En España, foron os agricultores andaluces os primeiros en saír á rúa. Esixen medidas urxentes ante a escaseza de auga. En Sevilla, 15.000 agricultores,  segundo os organizadores, tomaron as rúas da capital andaluza reclamando medidas urxentes e infraestruturas hídricas para poder facer fronte á escaseza de auga.

En Asturias, as organizacións agrarias maioritarias presentaron este xoves un calendario de mobilizacións. E en León, sen previo aviso, os tractores volveron saír hoxe ás estradas, como xa fixeran onte nas rúas de Zamora.


A xente do campo di que xa non atura moito máis. Afogados polos altos custos, baixos prezos, a competencia desleal dos produtos extracomunitarios e fartos da burocracia. O presidente da coordinadora de organizacións de agricultores e gandeiros, Miguel Padilla, di que comparten a maior parte das reivindicacións dos agricultores europeos. Protestamos, sobre todo, pola política que emana da Unión Europea.  

Esixen a flexibilización da PAC, especialmente no que toca ás medidas medioambientais. "Vai facer imposible o desenvolvemento da actividade agraria debido aos requisitos. É como unha asfixia por burocratización" di Miguel Padilla.

Tractores toman as estradas en León

Os agricultores españois tamén denuncian a competencia desleal e reclaman á Unión Europea que esixa aos produtos importados de países extracomunitarios os mesmos requisitos que aos deles. Mañá o ministro de Agricultura escoitará as súas demandas nunha xuntanza que manterá este venres cos principais sindicatos agrarios.

Agricultores lusos cortan autovías próximas a España 

En Portugal, os agricultores lusos tamén comezaron a cortar de madrugar os accesos á algunhas autovías próximas a España. 

A zona con maior afluencia de tractores é a A-25, no tramo que vai ata a fronteira hispanolusa de Vilar Formoso e Fuentes de Oñoro, onde arredor de 400 tractores ocupan desde as 6:15 horas os últimos 12 quilómetros da autovía ata a zona española de Salamanca nos dous sentidos de circulación. Trátase do punto fronteirizo de maior tránsito de vehículos pesados, polo que todos os camións que pasan pola zona están a ser desviados por estradas nacionais secundarias.

Unha situación similar vívese en Elvas, próximo á provincia española de Badaxoz, onde os agricultores portugueses han cortado a A-6. Tamén hai bloqueos de estradas na zona de Bragança (norte do país) e en Beja (sur), segundo os agricultores, que non anunciaron canto durarán as súas protestas

Ante as protestas dos profesionais do campo por todo o país, o Goberno de Portugal anunciou onte mércores que habilitará unha partida de 500 millóns de euros para mitigar a seca e contrarrestar os recortes da política agraria común (PAC) da Unión Europea.

Francia prohibirá a importación de alimentos tratados con pesticidas prohibidos na UE 

En Francia, o convoi de tractores que intentaba bloquear o mercado grosista de Rungis, ao sur de París, abandona o seu obxectivo. Segundo anunciaron dende a Coordinadora Rural,  sindicato promotor da protesta, volverán a casa cando se libere ós 91 agricultores detidos este mércores que  entraron nun almacén privado do mercado.  

Porén, os agricultores galos continuarán cos bloqueos de estradas e autoestradas por todo o país.  Un grupo de tractores saía esta mañá dende Perpiñán en dirección ó paso fronteirizo con España na Junquera, onde está a concretar a súa protesta. 

Esta mañá, o primeiro ministro, Gabriel Attal, anunciou que o país galo vai impedir a importación de alimentos procedentes do exterior da Unión Europea que foran tratados con pesticidas ou outros produtos fitosanitarios que non se poidan utilizar en Europa. 

 Gabriel Attal, aaseurou que se vai aplicar unha "cláusula de salvagarda" para o tiacloprid, un pesticida prohibido en xaneiro de 2020 polo dano que causaba nas abellas.  Unha cláusula que se extenderá a outros produtos e que Francia intentará que a UE faga súa.  

O anuncio de Attal forma parte dun novo tren de medidas en favor dos agricultores co  que se quere dar resposta á súas queixas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade