Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os trens Avril chegarán a Galicia a finais de marzo

Os trens Avril chegarán a Galicia a finais de marzo

Anunciouno o ministro de Transportes, Óscar Puente, que chegou a Vigo nunha viaxe en probas que durou tres horas e 35 minutos

Os Avril permitirán gañar unhas 200 prazas e 9 frecuencias

A venda de billetes comezará o 1 de marzo

O ministro de Transportes chega a Vigo acompañado dos Reis Magos nunha viaxe en probas do novo Talgo 106 (EFE / Salvador Sas)
G24.gal 05/01/2024 12:31 Última actualización 05/01/2024 15:07

Por primeira vez os Reis Magos chegaron a Vigo nun Avril o convoi adquirido por Renfe para que as viaxes en alta velocidade por toda Galicia sexan por fin unha realidade. Viñeron á cidade aproveitando a viaxe de proba dun deses trens da serie 106, que poden circular a 300 quilómetros por hora por distintos anchos de vía.

Acompañándoos chegou o ministro de Transportes, Óscar Puente, quen confirmou que, "se todo vai como está previsto", a finais de marzo comezarán a circular os novos trens de alta velocidade pola rede ferroviaria galega. É dous anos despois das previsión iniciais. 

Puente presentouse hoxe por sorpresa na estación de Urzáiz para anunciar que as probas dos convois adquiridos por Renfe están a ser un éxito.

Precisamente, o ministro explicou que a idea de "atender a petición" dos Magos de Oriente, de viaxar en AVE a Vigo, xurdiu tras as declaracións que fixo, ao pouco de ser nomeado, sobre escribir unha carta aos Reis para pedir ese servizo, unhas palabras que "alguén terxiversou", afirmou.

Os trens Avril son máis anchos, polo que cada vagón pode acoller máis prazas (unhas 200). A súa incorporación permitirá tamén implantar máis frecuencias. Permitirá pasar de 4,5 millóns a 11 millóns de prazas, acurtar tempos de viaxe e gañar frecuencias, de maneira que Santiago pasará de 4 a 8, Ourense de 10 a 12, A Coruña de 3 a 5, e Vigo de 4 a 5 frecuencias.

O Goberno galego demandaba que polo menos fosen sete novas unidades as que operasen na nosa comunidade. O ministro di que as 15 unidades de rodadura desprazable que se mercaron se distribuirán entre Galicia e Asturias.

Puente explicou tamén que os problemas de escaseza de prazas nos trens de media distancia no Eixo Atlántico se solucionarán a medida que se incorporen á frota de Renfe as 500 novas unidades mercadas polo operador ferroviario

O ministro estivo acompañado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero e polo candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gómez Besteiro. 

A Confederación Xeral de Traballadores aproveitou a visita do ministro de Transportes para facerlle chegar as súas reclamacións. Na súa carta aos Reis Magos, o sindicato pídelle un aumento de prazas e frecuencias dos trens galegos, a reposición dos trens suprimidos e o aumento do cadro de persoal. 

O PPdeG pídelle información e non promesas

Para o Partido Popular de Galicia esta visita sorpresa do ministros de Transportes a Vigo só mostra o menosprezo de Pedro Sánchez e o seu Goberno a Galicia. Despois de incumprir, din,  continuamente as datas de chegada sen explicacións claras, os populares consideran que o Executivo socialista se está rindo dos galegos.

Pídenlle a Óscar Puente que dea información clara e non faga promesas. O PPdeG di que Galicia leva dous anos agardando pola chegada dos Avril e que seguen agardando pola saída sur de Vigo e tamén un compromiso claro con Corredor Atlántico. 

Prioridade á conexión con Portugal

Óscar Puente sinalou que a conexión ferroviaria por alta velocidade que unirá Galicia co país luso é "absolutamente necesaria e prioritaria" para o Goberno. 

O trazado alternativo do saída sur cara ao norte de Portugal, desde a cidade de Vigo, "está en fase de estudo", explicou o ministro de Transportes e Movilidade Sostible. "Imos seguir adiante con todas as tramitacións", subliñou Puente, que non quixo dar prazos porque "non asumo compromisos artificiais a medio e longo prazo".

A conexión con Portugal potenciarase non só en Galicia, senón tamén noutras comunidades limítrofes como Castela e León ou Estremadura e, ademais, lembrou que o Goberno traballa na comunicación Valencia-Lisboa de mercadorías.

Para España, engadiu Óscar Puente, as conexións ferroviarias con Francia e Portugal son "fundamentais" e serán analizadas en senllos cumes bilaterais con ambos países. "As infraestruturas cos dous países máis próximos son moi importantes e imos apostar firmemente por elas", sentenciou Puente. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade