Pecha a feira do coche de ocasión de Vilagarcía, cun cento de vendas
Pecha a feira do coche de ocasión de Vilagarcía, cun cento de vendas
Tres mil visitantes coñeceron a oferta de coches que presentaron once concesionarios
A maior parte dos 500 vehículos expostos eran de gasolina e diésel
A feira de coche de ocasión de Vilagarcía pechou as súas portas cun bo resultado de vendas, preto dun cento de coches teñen xa novo propietario. Once concesionarios levaron á feira variedade de vehículos, arredor duns 500, híbridos e eléctricos en menor proporción.
Comprar un coche de ocasión nunha feira en lugar de ir concesionario por concesionario ten varias vantaxes para os consumidores: moita oferta nun mesmo espazo, descontos especiais e aforro de tempo.
"A verdade é que está moi consolidada a feira e que os números sempre son bos. Hai coche de ocasión, quilómetro cero e seminovo, temos variedade. Temos coches que teñen desde 2 meses a coches de 12 anos. O coche máis vendible é o que está entre 18.000 e 25.000 euros. É un coche que ten poucos anos, que non pasa de 100.000 quilómetros. Despois tamén temos coches máis económicos. O máis barato está en 9.000 euros. E logo tamén se venden coches de 50 e 60.000", explicou Juan Lijó, director de Motor Okasión Vilagarcía.
Preto de 3.000 visitantes acudiron durante esta fin de semana, pero só algúns saíron coas chaves na man.
"Perdín a cabeza por este coche que está aquí detrás de min. É un Mercedes automático porque agora cos anos os brazos non están para meter marchas. Despois dos 18 anos que ten o coche que temos, decidimos e viñemos mirar. Gustounos este, estamos mirando para pagalo e penso que vai para a casa", asegurou Soledad a carón do seu novo coche.
Os coches que quedaron sen dono volverán aos concesionarios porque na feira péchanse vendas, pero sempre quedan clientes que lle dan un pensamento máis e que poden decidirse nos próximos días.